CCOO e UGT denunciamos “o bloqueo intolerable da Secretaría de Estado de Seguridade Social á xubilación parcial nas Administracións públicas”

Segundo os sindicatos, a Secretaría de Estado de Seguridade Social ten paralizado desde hai máis de dous meses un acordo de xubilación parcial pactado con UGT e CCOO, e mantén secuestrado un dereito de miles de empregadas e empregados públicos.

A Federación de Servizos Públicos de UGT e a Área Pública de CCOO denuncian “a actitude inxustificable da Secretaría de Estado de Seguridade Social, que segue a bloquear a solución para garantir a xubilación parcial do persoal laboral das Administracións públicas, negándose a aprobar mediante real decreto lei un acordo xa consensuado con ambos os sindicatos”.

CCOO e UGT lembran que existe un acordo pechado que resolve plenamente esta situación e permite facer efectivo o dereito á xubilación parcial do persoal laboral mediante unha fórmula clara e viable, incluíndo que o contrato de remuda poida cubrirse con persoal temporal ou interino. “Non existe, por tanto, ningún impedimento técnico nin xurídico que xustifique seguir adiando a súa aprobación. O que existe é unha falta absoluta de vontade política e unha incomprensible pasividade por parte de Seguridade Social ante unha reivindicación lexítima e urxente de miles de traballadoras e traballadores públicos”.

“Mentres tanto —engaden—, moitas empregadas e empregados públicos ven como se lles nega na práctica un dereito recoñecido, acumulando incerteza, frustración e prexuízos persoais e laborais totalmente evitables”.

UGT e CCOO advirten que se a Seguridade Social non desbloquea esta situación, instarán a Secretaría de Estado de Función Pública a que sexa este ámbito o que efectivamente proceda á aprobación urxente da xubilación parcial do persoal laboral mediante real decreto lei, o único instrumento capaz de garantir unha solución inmediata e efectiva”.

Así mesmo, os sindicatos reclaman que o Goberno articule outra vía para a xubilación parcial do persoal funcionario, estatutario e do resto do persoal sometido a Dereito administrativo, paralizada dentro do Proxecto de lei de función pública da Administración do Estado, actualmente bloqueado no Congreso dos Deputados.

CCOO e UGT consideran inaceptable que os dereitos das empregadas e empregados públicos queden atrapados polos bloqueos parlamentarios e as disputas políticas. Por iso esixen retirar esta materia do proxecto de lei e aprobala no mesmo real decreto lei, garantindo sen máis dilacións o acceso á xubilación parcial para o conxunto do persoal das Administracións públicas.

Ambas as organizacións advirten que os dereitos laborais “non poden seguir sendo utilizados como moeda de cambio, nin ficar paralizados pola inacción política e administrativa”.

De non obteren reposta, UGT e CCOO afirman que retomarán as mobilizacións, sen descartar accións xudiciais ata lograr que o Goberno dea unha solución definitiva ao atropelo que supón a paralización unilateral da xubilación parcial nas Administracións públicas.