CCOO Ensino rexeita o despedimento dunha delegada sindical en Aldeas Infantiles SOS Galicia

CCOO Ensino expresa o seu rexeitamento ao despedimento dunha traballadora de Aldeas Infantiles SOS Galicia que forma parte do Comité de Empresa de Vigo e é delegada de CCOO.

A organización considera especialmente grave que esta decisión empresarial afecte a unha representante legal das persoas traballadoras nun contexto no que viña exercendo funcións de defensa dos dereitos laborais no centro de traballo.

Segundo a información trasladada á organización, os feitos prodúcense nun contexto especialmente sensible desde o punto de vista laboral e sindical. A traballadora viña exercendo funcións de representación das persoas traballadoras de Aldeas Infantiles e, ademais, iniciara un procedemento xudicial tras a negativa da empresa a concederlle unha medida de conciliación vinculada ao coidado da súa filla de seis anos, un dereito recoñecido na lexislación laboral vixente. O xuízo estaba sinalado para o 25 de maio. Ademais, a empresa fundamenta agora a extinción do contrato nunha suposta ineptitude sobrevida, nun proceso que, cando menos, suscita dúbidas razoables sobre a súa proporcionalidade e sobre o momento no que se adopta a medida.

Desde CCOO Ensino consideramos que ningunha persoa traballadora debe verse sinalada nin represaliada por exercer os seus dereitos laborais, solicitar medidas de conciliación ou desempeñar funcións de representación sindical.

Por todo isto, reclamamos a readmisión da traballadora e esiximos a Aldeas Infantiles SOS Galicia que garanta un clima laboral respectuoso cos dereitos das persoas traballadoras e co exercicio efectivo da representación sindical.

CCOO Ensino traslada todo o seu apoio á compañeira despedida e ao conxunto do persoal de Aldeas Infantiles SOS Galicia, e seguirá acompañando as actuacións sindicais que sexan necesarias para defender os dereitos laborais no centro.