CCOO Ensino condenamos a agresión que sufriu unha docente xubilada do País Valencià este domingo.
CCOO condenamos con absoluta rotundidade a brutal agresión que sufriu unha docente xubilada do País Valencià na tarde de onte.
A agresión, que lle ocasionou lesións á manifestante, enmárcase nas mobilizacións, sempre pacíficas, que as persoas traballadoras da educación pública valenciana desenvolven nas últimas semanas en defensa dunha educación de calidade e dunhas condicións de traballo dignas.
As imaxes da agresión sufrida pola docente son tan clamorosas que resulta evidente para toda a cidadanía que se trata dun ataque ilegal, ilexítimo e contrario a calquera protocolo profesional de intervención policial. Cómpre, por tanto, que se depuren responsabilidades de forma concreta, inmediata e plena en toda a escala de mando implicada. As agresións por parte da policía a persoas que exercen os seus dereitos constitucionais de folga e de manifestación non poden quedar impunes.
Alén diso, consideramos imprescindible unha reformulación integral do papel das forzas policiais nas mobilizacións educativas e sociais en xeral. O dereito á folga e á manifestación deben ser protexidos por todas as institucións públicas, e imaxes como as do País Valencià, que lamentablemente non son as únicas que puidemos ver nas últimas semanas, sitúannos nun escenario de represión e abusos que non se pode asumir como normal.
Esiximos pleno respecto para quen defende os dereitos da clase traballadora e uns corpos e forzas de seguridade que respecten, cumpran e sexan fieis ao ordenamento democrático.
CCOO demandamos a todas as Administracións públicas, e neste caso ao Goberno central, unha actitude de diálogo honesto e positivo e de renuncia a calquera intento de represión ou intimidación. Porque o responsable último de todo isto non é outro que o Ministerio do Interior.
Desde CCOO Ensino queremos expresarlles o noso apoio ás delegadas e delegados de CCOO Educació do País Valencià polo papel exemplar que están a desempeñar no marco das mobilizacións e negociacións deste conflito.

