CCOO Ensino urxe á Consellería protocolos claros fronte ao acoso e ás violencias machistas nos centros educativos

CCOO Ensino expresa a súa profunda preocupación polas informacións publicadas nos últimos días arredor da campaña “Espazos Educativos Libres de Violencias Machistas”, impulsada pola Marcha Mundial das Mulleres en Ourense, e comparte a necesidade de garantir que todos os centros educativos sexan espazos seguros, libres de abusos, acoso, violencia e impunidade.

Sen prexuízo da necesaria prudencia, da confidencialidade dos procedementos e das garantías para todas as partes, CCOO Ensino ten coñecemento de que xa se estaría instruíndo algún expediente sancionador que afectaría tanto a persoal docente como non docente. Precisamente por iso, resulta imprescindible que a Administración actúe con máxima dilixencia, rigor e transparencia institucional, asegurando medidas de protección efectiva ás posibles vítimas e evitando calquera forma de revitimización.

Para CCOO Ensino, estes feitos volven poñer sobre a mesa unha cuestión que levamos tempo denunciando: a Consellería de Educación non pode seguir adiando a aprobación de protocolos específicos, útiles e plenamente adaptados á realidade dos centros educativos. Os protocolos fronte ao acoso laboral, sexual e por razón de sexo, así como os procedementos de prevención, detección e actuación fronte ás violencias no ámbito educativo, non poden quedar nun caixón nin limitarse a documentos formais sen medios para a súa aplicación.

A negociación do Plan de Igualdade do persoal docente e do protocolo específico de acoso debe acelerarse de inmediato. É urxente pechar textos con garantías, prazos claros, medidas cautelares efectivas, acompañamento ás persoas afectadas, formación obrigatoria, canles seguras de comunicación e coordinación real entre inspección educativa, equipos directivos, servizos de prevención, orientación, convivencia e igualdade.

CCOO Ensino reclama á Consellería que pase das declaracións aos feitos. A protección da comunidade educativa, e especialmente das persoas máis vulnerables, esixe menos opacidade, máis prevención e unha resposta institucional áxil, garantista e contundente ante calquera indicio de acoso, abuso ou violencia machista nos centros educativos.