As organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF, no marco do traballo conxunto que vimos desenvolvendo nos últimos anos en defensa da mellora do ensino público galego e das condicións laborais do seu persoal, especialmente a través do Acordo sobre medidas de mellora do sistema educativo valoramos positivamente que a atención á diversidade se sitúe no centro da axenda educativa galega.
O “Plan para o impulso da atención á diversidade” é necesario, chega nun momento importante e debe servir para dar resposta a unha realidade que os centros educativos levan anos trasladando con claridade: cada curso medran as necesidades do alumnado, medran as situacións complexas nas aulas e medra tamén a esixencia profesional sobre o profesorado, os departamentos de orientación, o persoal especialista e o persoal non docente.
A escola galega é hoxe máis diversa, e iso é unha riqueza. Pero para que esa diversidade sexa realmente unha oportunidade e non unha fonte de desigualdade, fan falta recursos, organización, estabilidade e vontade de escoitar a quen está cada día nos centros.
Por iso queremos partir dunha idea expresada polo propio Conselleiro, “todos os recursos que se doten van ser sempre insuficientes”. E precisamente por iso non podemos conformarnos. Esa afirmación non debe servir para rebaixar a esixencia, senón para reforzala. Porque a atención á diversidade non é unha actuación puntual nin unha campaña dun curso; é unha obriga permanente do sistema educativo e unha condición imprescindible para garantir o dereito á educación en igualdade de oportunidades.
Neste sentido, queremos poñer en valor varias das medidas recollidas no plan. O reforzo dos servizos de orientación, coa incorporación de 50 novos orientadores e orientadoras, o incremento de 100 profesionais de Pedagoxía Terapéutica en Secundaria no curso 2026/27 e outros 100 no 2027/28, a consolidación de postos de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe en Primaria, a actualización normativa, a formación específica, a redución da burocracia e a mellora das ferramentas de xestión son pasos importantes que poden ter un impacto positivo se se aplican ben, se chegan a todos os centros que o precisan e se se manteñen no tempo.
Agora ben, debemos entender estas medidas como un bo punto de partida e non como un punto de chegada. No ámbito da orientación educativa, organismos internacionais como a UNESCO e numerosas entidades profesionais da orientación levan anos defendendo a necesidade de avanzar cara a ratios próximas aos 250 alumnos e alumnas por orientador ou orientadora para garantir unha atención adecuada, preventiva e verdadeiramente inclusiva. Ese debe seguir sendo o horizonte ao que aspire o sistema educativo galego.
Do mesmo xeito, os 200 novos efectivos de Pedagoxía Terapéutica anunciados constitúen un avance relevante, pero o obxectivo final debe ser garantir todos os recursos especializados que sexan necesarios en cada centro educativo, en función das necesidades reais do alumnado, e non limitar a resposta a unha cifra previamente pechada. Isto debe traducirse, entre outras medidas, na dotación mínima dun ou dunha especialista de Pedagoxía Terapéutica e dun ou dunha especialista de Audición e Linguaxe a xornada completa en todos os centros educativos completos, así como na dotación estable de especialistas de Audición e Linguaxe nos centros de Secundaria.
Ademais, cómpre lembrar que as melloras incorporadas ao Acordo de catálogos do profesorado permiten avanzar na dotación estrutural destes recursos, pero non substitúen nin limitan a obriga da Administración de dotar os centros dos recursos especializados adicionais que sexan necesarios en función das características e necesidades concretas do alumnado escolarizado en cada momento. A inclusión non pode estar condicionada por teitos administrativos de dotación de persoal, senón polas necesidades educativas efectivamente existentes nos centros.
Tamén queremos lembrar que algunhas das medidas que hoxe se presentaron conectan directamente co traballo desenvolvido nos últimos anos no marco do Acordo sobre medidas de mellora do sistema educativo galego. Falamos de cuestións tan relevantes como a baixada progresiva de ratios, o cómputo dobre e triplo do alumnado con discapacidade, grao de dependencia ou trastorno grave de conduta para os efectos da configuración das aulas, ou a necesidade de reducir a carga burocrática que soportan os profesionais dos centros. Son avances que van na boa dirección e que agora atopan continuidade neste plan.
Pero hoxe tamén queremos trasladar unha mensaxe clara: un plan non pode quedar nun documento. Ten que notarse nas aulas, nos patios, nos comedores, nos departamentos de orientación, nas familias e nas condicións laborais do persoal. O éxito deste plan non se medirá polo seu anuncio, senón pola súa aplicación real no curso 2026/27 e nos seguintes.
E aquí hai unha cuestión especialmente sensible: a dotación de persoal auxiliar coidador. A atención ao alumnado con necesidades educativas especiais non pode depender de improvisacións, de coberturas tardías ou de problemas de coordinación administrativa. Sabemos que este persoal non depende directamente da Consellería de Educación para a súa dotación aos centros, pero iso non pode converterse nunha escusa. A Administración é unha soa para as familias, para o alumnado e para os centros. Educación, Función Pública e os propios centros teñen que coordinarse mellor, planificar antes e garantir que cada alumno e cada alumna teña os apoios que precisa desde o primeiro día de curso.
O que vivimos a comezos deste curso en distintos centros educativos galegos non pode repetirse. A falta ou incorporación tardía de determinados apoios xerou situacións moi difíciles para alumnado, familias e traballadoras. Cando falta unha coidadora ou un coidador, cando unha baixa non se cobre a tempo ou cando unha necesidade recoñecida non ten recurso asociado, non estamos falando dun problema administrativo: estamos falando de dereitos educativos, de inclusión real e tamén de condicións de traballo dignas.
Por iso, neste punto, queremos ser especialmente firmes. Cómpre garantir persoal coidador suficiente, con criterios claros, con substitucións áxiles, con estabilidade nas contratacións e con pleno respecto aos dereitos das persoas traballadoras. Non se pode construír unha educación inclusiva sobre a precariedade de quen a fai posible cada día.
As catro organizacións sindicais temos unha responsabilidade: dialogar, propoñer, negociar e chegar a acordos cando estes supoñen avances para o ensino público galego. Pero tamén temos outra responsabilidade igual de importante: vixiar que o acordado se cumpra, denunciar os incumprimentos e reclamar melloras cando a realidade dos centros así o esixa.
Ese vai ser o noso papel tamén con este plan. Queremos que funcione. Queremos que se implemente ao 100 %. Queremos que sirva para mellorar a atención ao alumnado e tamén para mellorar as condicións do profesorado, dos equipos de orientación, do persoal especialista e do persoal non docente. E queremos facelo desde un clima de diálogo, si, pero tamén desde a firmeza das reivindicacións xustas.
Porque a inclusión educativa non se proclama: constrúese. Con recursos. Con planificación. Con profesionais suficientes. Con estabilidade. Con menos burocracia. Con coordinación. E co recoñecemento de todo o persoal que sostén cada día os centros educativos.
En resumo, unha idea sinxela, este plan pode ser unha oportunidade importante para avanzar. Pero esa oportunidade só será real se chega a cada centro, a cada aula e a cada alumno ou alumna que precisa apoio. A nosa disposición ao diálogo é firme. A nosa esixencia tamén.

