CCOO e UGT convocan mobilizacións ante os incumprimentos da Administración coas persoas traballadoras no emprego público do noso país

A primeira concentración será o vindeiro martes 8 de xullo, ante o Ministerio de Hacienda, ás 11:30 horas.

As persoas con responsabilidade en Función Pública das tres federacións que integran a área Pública de Comisións Obreiras e de UGT Servicios Públicos mantiveron este xoves unha reunión, na sede de UGT, para concretar as mobilizacións que os dous sindicatos van realizar nas próximas semanas ante os incumprimentos da Administración dos compromisos adquiridos coa representación das persoas que traballan no emprego público no noso país.

Isabel Araque Lucena, secretaria xeral de UGT Servicios Públicos, e Lucho Palazzo Gallo, coordinador da área Pública de CCOO, compareceron en rolda de prensa, tras o encontro celebrado entre as dúas organizacións sindicais, para resaltar que, aínda que esta semana foi aprobado en Consejo de Ministros e publicado no BOE o abono do 0,5 % de 2024, a medida é tardía e claramente insuficiente.

Na súa intervención, ambos expuxeron os asuntos que quedan pendentes de cumprir do Acordo Marco para unha Administración do Século XXI, así como as principais demandas para un novo acordo e a necesidade de abordar a mellora salarial para 2025.

Por iso, o vindeiro martes 8 de xullo, ás 11:30 horas, levaráse a cabo unha concentración ante o Ministerio de Hacienda baixo o lema “É a hora. Cumpre o pactado”, unha mobilización para lembrar á Administración que as persoas traballadoras no emprego público están aínda á espera de que se lles dea unha solución á xubilación parcial para o persoal laboral e a plena implantación para o persoal funcionario e estatutario, que se aplique a xornada de 35 horas e a culminación dos procesos de estabilización que acabe coa secuela que supón a temporalidade no sector público.

A esas cuestións sen atender únense outras tamén significativas para un colectivo de máis de tres millóns de persoas, como a plena implantación do modelo de clasificación profesional conforme ao actual Marco Español de Cualificacións Profesionais; negociar as necesarias modificacións normativas para o pleno establecemento e desenvolvemento dos plans de igualdade e os protocolos de acoso sexual e por razón de sexo; garantir a atención presencial dos servizos públicos e un plan específico de dixitalización para as zonas de menor poboación ou en risco de exclusión; a creación de emprego neto nas administracións públicas e rexuvenecemento dos cadros de persoal; e impulsar a dixitalización, captación e retención do talento, promoción interna, formación e carreira profesional.

Por todo iso, a área Pública de CCOO e UGT Servicios Públicos manteñen o seu calendario de mobilizacións, que terá a súa primeira acción o vindeiro martes 8, ante o Ministerio de Hacienda e tanto Araque como Palazzo fixeron un chamamento ás persoas traballadoras do emprego público para que a secunden, en defensa do cumprimento dos compromisos para a mellora das súas condicións de traballo, o que redundará -insistiron os representantes sindicais- nunha mellora da atención á cidadanía e nun fortalecemento dos servizos públicos.