Balance dun ano de negociacións do Plan de Igualdade: un ano despois de telas iniciado, seguimos sen plan para o persoal docente

O 21 de xuño de 2024, despois de múltiples reclamacións de CCOO na Mesa Sectorial docente non universitaria, por fin se puxeron en marcha as negociacións para dotar ao persoal docente dun Plan de Igualdade específico. Un ano despois, seguimos esperando.

Naquela primeira reunión, constituíuse a comisión negociadora e iniciouse a elaboración do regulamento e a recollida de datos para diagnosticar a situación do colectivo. Porén, doce meses máis tarde, nin sequera se aprobou o documento de diagnóstico, que debería ser a base para comezar a concretar medidas e facer real o Plan de Igualdade.

Nos últimos meses, acelerouse algo o traballo, especialmente desde marzo, cando se encargou a un equipo colaborador da Universidade de Santiago de Compostela a redacción do diagnóstico. Pero a realidade é que, un ano despois da constitución da comisión, o proceso apenas avanzou e segue practicamente bloqueado.

Dende CCOO, levamos repetindo en cada xuntanza que non imos permitir máis dilacións. O Plan de Igualdade para o persoal docente é urxente e imprescindible. A Consellería non pode seguir freando este proceso sen razóns, alargando prazos de forma totalmente inxustificada.

Na xuntanza celebrada hoxe, volvemos presentar alegacións ao borrador do diagnóstico e tamén lle lembramos á Administración que aínda faltan cuestións fundamentais por incorporar: prevención do acoso sexual, prevención da violencia de xénero, saúde laboral, teletraballo, desconexión dixital, entre outras.

Esiximos á Consellería que entregue canto antes o documento definitivo, para poder aprobalo e dar o seguinte paso: definir medidas reais e efectivas para combater as desigualdades e garantir a igualdade de oportunidades no colectivo docente.

A Administración comprometeuse a facilitarnos o texto definitivo nos próximos días e a abrir tamén a negociación do protocolo de acoso. Dende CCOO advertimos que non imos consentir máis demoras. O Plan de Igualdade do persoal docente ten que ser unha realidade canto antes, e non quedar esquecido nun caixón mentres siguen existindo desigualdades que hai que combater.