Resolución do Consello Federal Estatal da Federación de Ensino de CCOO. Aprobada por unanimidade o 1 de xullo.
O pasado mércores, un destacado dirixente de VOX aproveitou un acto institucional no IES San Isidro de Madrid para lanzar a súa carga de odio contra o colectivo LGTBIQA+. Cando dous docentes do centro lle recriminaron a súa actitude, chegaron as ameazas, non só verbais, senón coa aparición, poucas horas despois, dun matón no propio centro.
Non é casualidade que estas condutas ameazantes se produzan no mes do orgullo e poucas semanas despois de que CCOO conmemoráramos o 17 de maio, Día Internacional contra a LGTBIQ+fobia. Pero tampouco é casualidade que durante todo o curso académico se multipliquen os ataques de todo tipo por parte da ultradereita contra o alumnado e o persoal educativo. Estamos no seu punto de mira porque educamos o presente e o futuro da nosa cidadanía en pensamento crítico e valores democráticos.
CCOO Ensino non está disposta a se poñer de perfil, nin a mirar para outro lado, nin a resignarse a meras palabras. E cremos firmemente que esta batalla non ha de ser só nosa ou dunhas docentes: necesitamos a toda a Comunidade Educativa e a sociedade en xeral para facer fronte ao fascismo e expulsalo dos centros educativos.
Por todo isto:
- Chamamos a todas as organizacións sindicais, claustros, AFAS, consellos escolares, colectivos de estudantes, MRP, colexios profesionais etc., a realizaren unha reunión os primeiros días de setembro para organizar unha campaña antifascista masiva, reticular e sostida, en todos os centros educativos de todas as etapas e en todo o Estado español.
- Propoñemos que esa campaña se dote dun plan de accións e mobilizacións que garanta tanto a libre expresión das diversas prácticas educativas con mirada crítica e democrática, como a loita contra calquera agresión ou intimidación fascista nas aulas ou nos claustros.
- Reclamamos unha actuación decidida de todas as Administracións e institucións do mundo educativo en apoio a esta campaña e propoñemos a todas as organizacións e colectivos traballarmos á xunta para lograr un pronunciamento inequívoco neste sentido do Consello Escolar do Estado, dos Consellos Escolares Autonómicos e dos Consellos Escolares de Centros.
