En xaneiro convocaranse os grupos de traballo sobre emprego, saúde laboral, igualdade e formación en competencia dixital e intelixencia artificial.
Este mércores reuniuse a comisión de seguimento do Acordo Marco para unha Administración do Século XXI, co fin de abordar o cumprimento das materias pendentes, como a xornada de 35 horas, grupo B, xubilación parcial e teletraballo, entre outras, e constituíuse a comisión de seguimento do Acordo Marco para a Mellora do Emprego Público e o Servizo á Cidadanía.
A Área Pública de CCOO conseguiu que se desbloqueen as materias pendentes do Acordo Marco para unha Administración do Século XXI e a posta en marcha das medidas recollidas no novo Acordo Marco para a Mellora do Emprego e o Servizo á Cidadanía, cuxas comisións de seguimento se reuniron e constituíron, respectivamente, este mércores en Madrid.
Entre as materias pendentes de executar do acordo marco que abranguía desde 2022 a 2024, figuran as relativas á implantación da xornada de 35 horas semanais na Administración xeral do Estado, entidades locais e empresas públicas, o teletraballo, a clasificación profesional e a xubilación parcial, asuntos que para CCOO son absolutamente prioritarios.
Do mesmo modo, constituíuse a comisión de seguimento do novo acordo marco, que convocará en xaneiro os grupos de traballo sobre emprego, saúde laboral, igualdade e formación en competencia dixital e intelixencia artificial. Igualmente, acordouse darlle prioridade ao observatorio do emprego público, as indemnizacións por razón de servizos e complementos de residencia e insularidade, así como mellora de clases pasivas.
O Acordo Marco para a Mellora do Emprego Público e o Servizo á Cidadanía recolle unha importante suba salarial do 11,4 % en catro anos; e hai que destacar que, neste mesmo mes ou en xaneiro, practicamente todas as Administracións públicas aboarán a suba salarial de 2025 con carácter retroactivo desde xaneiro.
CCOO está e estará pendente do cumprimento íntegro de ambos os acordos subscritos por este sindicato.
