CCOO celebra a aprobación do Plan Integra, aínda que é só un primeiro paso

Onte, o Goberno aprobou no Consello de Ministros o Programa para a Incorporación de Talento Docente e Investigador nas Universidades Públicas Españolas, que supón a incorporación dunhas 3400 novas prazas de profesorado axudante doutor ao sistema universitario, e hoxe aprobáronse na Conferencia de Política Universitaria os criterios para a distribución deste financiamento.

Desde CCOO xa sinalamos que o Plan Integra que propuxo o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, polo que se cofinanciarán novas prazas de profesorado axudante doutor, non abonda para reverter máis dunha década de recortes, estancamento e conxelación dos cadros de persoal no sistema universitario español. Cómpre que o financiamento se estenda a outras figuras docentes, ao incremento de efectivos no PTXAS e ao financiamento de infraestruturas e investigación. Pero, desde logo, é un paso importante para empezar a recortar a intolerable precariedade e temporalidade en que están sumidas a maioría das universidades públicas do noso país.

Por iso non podemos entender a abstención dalgunhas comunidades autónomas nin, moito menos, o voto en contra de Baleares, precisamente a comunidade con menor número de persoal permanente, un 34,41 % na universidade pública, segundo o SIIU. Isto non pode entenderse senón como un ataque sen xustificación ás universidades públicas e a súa estabilidade, en detrimento da súa calidade e a favor das universidades privadas.

Descoñecemos as implicacións desta decisión que, esperemos, non sexa irreversible. O despropósito dunha política enlamada non debe pagalo o servizo público de educación superior. Nin os seus traballadores e traballadoras, nin a cidadanía. Desde CCOO esperamos que os convenios entre ministerio e comunidades autónomas non se demoren, para que a incorporación deste grupo de profesorado poida producirse o vindeiro curso sen atrasos. E, como anunciamos, non desbotamos mobilizacións naqueles territorios que non aposten por un adecuado financiamento do servizo público universitario.