CCOO esixe o cumprimento das previsións legais pendentes que afectan ao ensino concertado

Reunión co Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes

Pasaron dúas décadas desde que a LOE implantou varias normas, aínda vixentes, que afectan á regulación, o financiamento, os recursos humanos e as condicións laborais do profesorado e do persoal complementario e de administración e servizos dos centros concertados, e que seguen sen se aplicar. Por iso, CCOO esixiu na reunión da Mesa do Ensino Concertado mantida este 19 de xuño:

  • O cumprimento do previsto no artigo 116.3 polo que debe elaborarse unha nova norma básica de concertos educativos. O actual RD de concertos, de 1985, é a norma educativa máis antiga en vigor e, entre outras cuestións, crea riscos de mantemento do concerto para os centros que adquiriron un maior compromiso social, á vez que provoca unhas desmesuradas ratios alumnado/unidade que dificultan a docencia e recargan as condicións laborais no sector.
  • O cumprimento do previsto na disposición adicional 29 sobre a fixación do importe dos módulos. A última vez que se reuniu a comisión encargada de facelo, para garantir a gratuidade real do ensino nos colexios, foi en 2011.
  • Abordar todas aquelas cuestións de carácter laboral que permitan unha mellora real das condicións de traballo.

CCOO celebra que, tras anos reclamando estas esixencias, o Ministerio se comprometa a crear diferentes comisións de traballo, a partir de setembro, co obxectivo de avanzar nas demandas formuladas.

De igual maneira, o secretario de Estado do Ministerio de Educación trasladounos que na próxima reunión do Consello de Ministros se aprobará o real decreto que establecerá os incrementos salariais para 2024 no ámbito da función pública e, por extensión, no ensino concertado.

Así mesmo, a Federación de Ensino de CCOO segue esixindo ás consellerías de educación das comunidades autónomas o tratamento de cuestións como as seguintes:

  • O cumprimento do disposto no artigo 117 da LOMLOE, que permitiría, por un lado, a equiparación salarial do colectivo docente co profesorado da pública, irreal na maioría de comunidades autónomas canto a porcentaxe e sexenios, así como a creación de complementos autonómicos en todas elas e, por outro, a progresiva redución da xornada lectiva do profesorado.
  • O cumprimento do disposto no artigo 72 da LOMLOE sobre recursos, que permita atender adecuadamente o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
  • A inclusión no pagamento delegado do persoal complementario e do persoal de administración e servizos.
  • A regulación da xubilación parcial para o conxunto das persoas traballadoras do sector.

É a presenza de CCOO na Mesa do Diálogo Social e na Mesa Xeral da Función Pública o que permite que as persoas traballadoras do ensino concertado poidan beneficiarse dos acordos sociais e retributivos asinados neses ámbitos. E agora seremos a garantía de que o que se aborde nesas comisións de traballo, que comezarán a súa andadura en setembro deste ano, repercuta de xeito directo sobre o conxunto das persoas traballadoras.