CCOO reclama que as Administracións cumpran a súa obriga legal de financiar as súas universidades públicas e garantir a súa suficiencia financeira
A Lei orgánica 2/2023 do Sistema Universitario (LOSU) establece no seu artigo 55 que «as Administracións públicas dotarán as universidades dos recursos económicos necesarios para garantir a suficiencia financeira que lles permita dar cumprimento ao establecido nesta lei orgánica e asegurar a consecución dos obxectivos nela previstos». Esta obriga legal non é só un compromiso administrativo, senón un investimento esencial para o desenvolvemento social e económico no ámbito nacional e autonómico.
Porén, as Administracións levan anos sen cumprir con esta obriga. Así o reflicte o estudo realizado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU) «Radiografía de la financiación de las universidades públicas en España» para o período 2009-2024, que sinala que:
- Os orzamentos xerais das comunidades autónomas (CC. AA.) incrementáronse un 56,2 %, mentres que as transferencias correntes ás universidades fixérono nun 21,78 % de media.
- O incremento medio das transferencias correntes nos orzamentos xerais das CC. AA. é dun 3 %. Isto supón un 0,49 % sobre o PIB nacional.
- As transferencias correntes das CC. AA. ás universidades públicas neste período incrementáronse un 21,78 %, mentres que o IPC acumulado para ese período é do 29,18 %, o que supón unha perda media por este concepto, sen contar a insuficiencia das propias transferencias, dun 7,40 %. Se consideremos o PIB autonómico, este infrafinanciamento multiplícase, nalgúns casos, ata por tres.
Neste contexto, desde CCOO reclamamos:
- Garantir:
- Que o financiamento público, en todas as súas modalidades, só se destine ás universidades públicas.
- Un sistema universitario que asegure unha igualdade real de oportunidades e erradique a exclusión por razóns socioeconómicas.
- A aplicación do criterio reflectido na LOSU de destinar, polo menos, o 1 % do PIB da CM ao financiamento das súas universidades públicas.
- A incorporación dunha cláusula de salvagarda en calquera acordo de financiamento autonómico que garanta polo menos o mantemento das partidas dun exercicio a outro, permitindo as revisións salariais, o crecemento vexetativo dos cadros de persoal e o cumprimento de acordos, disposicións legais e resolucións xudiciais.
- Para poderen ofrecer un servizo público universitario de calidade, as universidades públicas teñen que contar cun financiamento que cubra o 100 % das súas necesidades básicas. Debe asegurarse que as transferencias orzamentarias cubran o 100 % dos capítulos I (gastos de persoal, incluíndo os gastos dos plans plurianuais de estabilización dos cadros de persoal e aqueles que deriven dos acordos de negociación colectiva), II (gastos correntes en bens e servizos) e VI (investimentos reais) de cada exercicio orzamentario.
- Programas de investimentos plurianuais como instrumento específico para financiar a dotación, o desenvolvemento, mellora e acondicionamento das infraestruturas e os equipamentos das universidades públicas necesarios para a prestación do servizo público universitario.
Desde CCOO denunciamos que o cuestionamento da universidade pública se produce tanto por acción como por omisión:
- A acción das CC. AA., cuxa solución para resolver os problemas do sistema universitario é:
- Cubrir o incumprimento legal de financiar de xeito suficiente as súas universidades públicas con préstamos ruinosos que afondan na asfixia económica das universidades afectadas. Os exemplos máis claros son os da Universidade de Málaga (48,5 millóns de euros, a 21 anos cun xuro do 1 %) e Complutense de Madrid (34,46 M de €, a un xuro nominal do 2,80 % a cinco anos, o que supón que a UCM ten que pagar en concepto de xuros 4,34 M de €). Así «se apoia a universidade pública», segundo algunhas CC. AA.
- Plans de financiamento, como o recentemente asinado na Comunidade de Madrid, que non garante o crecemento e desenvolvemento das universidades públicas, senón que consagra a situación de subsistencia orzamentaria, iso si, obrigando as universidades públicas a incrementar de forma significativa o financiamento privado para cadrar contas e a reducir o investimento autonómico en ciencia, coma se ciencia e universidade fosen compartimentos estancos.
- A omisión do MICIU, que non dá continuidade ao grupo de traballo para concretar como chegar a financiar co 1 % do PIB as universidades públicas. Non pode entenderse que, nun contexto en que se cuestiona a viabilidade do servizo público universitario, desde a súa constitución, o pasado 20 de novembro de 2024, esta mesa só se reunira en dúas ocasións, a última o pasado 24 de outubro de 2025. É imprescindible un plan de financiamento conxunto entre o MICIU e as CC. AA. que garanta a aplicación deste compromiso, pero non parece estar nas súas prioridades.
O resultado é claro:
- Máis do 50 % das universidades públicas españolas teñen serios problemas de financiamento: ou recibiron préstamos das súas CC. AA., ou os seus orzamentos están en déficit ou sometidos a plans de axustes orzamentarios; no mellor dos casos, logran a duras penas pechar en equilibro as súas contas á custa de deteriorar o servizo que se presta e as condicións de traballo dos cadros de persoal universitarios.
- O balance das contas do ano 2024, último exercicio dispoñible, reflicte unha situación de emerxencia orzamentaria para numerosas universidades públicas cun claro déficit entre os ingresos e os gastos. Esta situación dáse en varias CC. AA.: Madrid (con catro das súas seis universidades públicas:UCM, URJC, UAM e UAH), Extremadura e Andalucía (con catro das nove universidades públicas: UCA, UGR, UJA, US), por sinalar algúns exemplos.
- A Universidade da Coruña vén aplicando desde 2023 un plan de axuste esixido pola Xunta de Galicia para compensar un déficit de máis de 13 millóns de euros.
- A Universidade do País Vasco leva desde 2021 pechando orzamentos con números vermellos, nalgúns casos ata 20 millóns de débeda. Porén, esa débeda non se reflectiu na liquidación final das contas xa que o Goberno vasco, ata agora, sempre lles transferiu unha achega extraordinaria para cubrir o burato a finais de ano.
- Para cando chegue o balance de contas do ano 2025, a previsión é que todas as universidades andaluzas se encontren en situación de déficit, así como case todas as madrileñas.
- O orzamento ordinario de boa parte das universidades públicas resulta insuficiente para cubrir con garantías as súas necesidades básicas de funcionamento. O sistema público universitario español atópase nunha situación de infrafinanciamento estrutural.
- Esta situación afecta á realidade universitaria en todos os niveis: aumento da carga docente, non cobertura das prazas vacantes do PDI e PTXAS, paralización da carreira e a progresión profesional do persoal universitario, paralización dos plans de estabilización dos cadros de persoal, priorízanse e pospóñense actuacións relevantes, tanto no ámbito de renovación e reparación de infraestruturas como en investimentos estratéxicos vinculados a novos proxectos, redución do financiamento dos departamentos, das bolsas e axudas ao alumnado, etc.
- Ningunha comunidade autónoma cumpre coa obriga de destinar o 1 % do PIB ás súas universidades públicas. Se consideramos as dúas CC. AA. con maior número de universidades en situación de déficit, os datos son claros:

- A política universitaria autonómica: infrafinanciamento da universidade pública e alfombra vermella para as universidades privadas. Ao tempo que as CC. AA. en moitos casos financian as súas universidades públicas cunhas cantidades que non supoñen un incremento real das contías, xa que non cobren o incremento do IPC e nin sequera chegan ao incremento medio dos seus orzamentos, vemos como ano tras ano se aproban novas universidades privadas. Desde o ano 2018 autorizáronse nove novas universidades privadas e hai 22 proxectos en proceso de tramitación (sexa de novas universidades ou de implantación de centros adscritos noutra comunidade autónoma de universidades privadas xa existentes). A fórmula é sinxela:
- Deterioración programada do servizo público vía infrafinanciamento.
- Isto impide que as universidades públicas poidan atender a demanda de novo alumnado, a implantación de novas titulacións e o mantemento da calidade da súa actividade ordinaria.
- Esta demanda rediríxese á universidade privada para aquelas familias que poidan permitirse facelo.
A pregunta que debemos facernos é se queremos unha universidade pública forte ou un sistema en que o privado gañe peso mentres o público se debilita. Iso é o que está en xogo nestes momentos. Se non se garante un financiamento suficiente, obrigarase as universidades públicas a buscar cada vez máis financiamento externo, que poderá condicionar ou orientar a actividade pública universitaria cara a criterios de rendibilidade económica, facendo da educación superior un espazo cada vez máis condicionado por intereses privados. E isto é o resultado dunha estratexia política sostida no tempo para converter a universidade pública en obxecto de negocio.
A universidade pública de calidade é un ben de todas e todos, que constitúe unha das principais formas de contribución ao progreso social, e ímola defender con todas as nosas forzas. Desde CCOO reclamamos un financiamento realista que garanta un servizo público de calidade, sostible e accesible ao conxunto da cidadanía.

