CCOO reclamamos un calendario crible de traballo e definir os conceptos básicos do financiamento que garanta a estabilidade e o futuro do modelo público de universidade.
Tal e como vos adiantamos, o 24 de outubro reuniuse por terceira vez a Comisión de Traballo para establecer o incremento do gasto público co fin de alcanzar o obxectivo do 1 % do PIB destinado ao financiamento público das universidades públicas, como establece a LOSU. Esta Comisión créase co obxecto de debater e consensuar:
- Un conxunto de propostas básicas sobre os posibles modelos de financiamento público das universidades públicas, os seus principios e principais mecanismos e instrumentos.
- Definir as sendas de incremento e os tempos para lograr o obxectivo de financiamento estipulado na LOSU: destinar, como mínimo, o 1 % do PIB ao gasto público na educación universitaria pública. E todo isto co obxectivo final de alcanzar a equiparación progresiva co investimento medio da UE.
Porén, a realidade é que ano e medio despois da súa creación, non só non se puxo encol da mesa unha proposta para o debate, senón que nin sequera se aclararon as cuestións previas que deben definir esa proposta.
Na reunión, o ministerio presentou o estudo que realizou, «Radiografía do financiamento das universidades públicas en España» para o período 2009-2024. O documento non se entregou e estamos á espera de poder acceder a el. Proponse a realización dunha próxima reunión para valorar o contido do estudo, aínda que non se fixou data para esa reunión nin ningún calendario de reunións posteriores.
Este documento vén a poñer negro sobre branco o que todos xa sabemos: o infrafinanciamento das universidades públicas españolas non é froito do momento, senón que responde a unha acción de goberno, principalmente dos autonómicos, que leva aplicándose desde o ano 2009 e que cuestiona a súa viabilidade presente e futura. Entre os datos do estudo podemos destac
| Concepto | Europa | España |
| Gasto total | 198 000 millóns de euros | 160 millóns de euros |
| Universidade privada | 16 500 millóns de euros. En Europa imponse un modelo de universidade privada sostido maioritariamente con fondos públicos. | 2878 millóns de euros, o segundo dato máis alto despois de Alemaña. En 2025 este dato roldará os 3500 millóns de euros. |
| Universidade pública | 157 806 millóns de euros (o 79,7 %). O 82 % dos recursos das universidades públicas europeas proceden de fondos públicos. | O financiamento en España vén ser un 20 % inferior á media europea. |
| Porcentaxe do financiamento público sobre o PIB | Dinamarca: 1,44 %. Alemaña: 1,05 %. Francia: 0.91 %. | 0,74 %. Só Irlanda, Grecia, Chipre, Letonia, Italia, Luxemburgo, Portugal e Romanía están por debaixo. |
| Gasto público medio por estudante | 10 265 euros. | 7830 euros, o 76,28 % da media europea. |
E en relación co sistema universitario español, para o período 2009-2024, pódense destacar os seguintes datos:
- Os orzamentos xerais das CC. AA. incrementáronse un 56,2 %, mentres que as transferencias correntes ás universidades fixérono nun 21,78 % de media.
- O incremento medio das transferencias correntes nos orzamentos xerais das CC. AA. é dun 3 %. Isto supón un 0,49% sobre o PIB nacional.
- As transferencias correntes das CC. AA. ás universidades públicas neste período incrementáronse nun 21,78 %, mentres que o IPC acumulado para ese período é do 29,18 %, o que supón unha perda media por este concepto, sen contar a insuficiencia das propias transferencias, dun 7,40 %.
Na reunión, desde CCOO sinalamos que:
- A referencia ao 1 % do PIB debe servirnos para garantir un nivel mínimo de financiamento, pero que non pode pechar o obxectivo da mesa. Lembramos que o obxectivo final é chegar á media dos países máis avanzados da UE. En todo caso, debe aclararse se o PIB de referencia é o nacional ou o autonómico. CCOO defende que a referencia sexa ao PIB autonómico de cada C. A., garantíndose un mecanismo de financiamento mínimo que pode tomar como referencia o importe do 1 % do PIB nacional.
En todo caso, entende que deben terse en conta outros parámetros como pode ser o gasto por alumno (que ha situarse na media da UE), a realidade territorial de cada universidade, etc. - Para CCOO resulta fundamental que esta comisión defina claramente:
- O contido e alcance do que se entende por «financiamento suficiente e previsible no tempo».
- Os compoñentes dos diferentes tipos de financiamento, con especial incidencia na basal.
- O calendario de traballo e de consecución destes obxectivos. Ao ritmo actual, é máis que probable que en 2030 non se estea en condicións de aplicar o famoso 1 % do PIB por non estar concretados nin os criterios nin o procedemento.
- A necesidade dun plan de financiamento conxunto entre o MICIU e as CC. AA. que garanta a aplicación destes compromisos.
Como elementos positivos da reunión, unha parte importante da comisión coincidimos na necesidade de priorizar distintos aspectos:
- Fixar un calendario crible e efectivo de traballo desta comisión.
- Axilizar o traballo para cumprir cos prazos temporais da LOSU.
- Definir o marco de referencia do 1 % do PIB: estatal ou autonómico.
- Considerar criterios adicionais (financiamento por alumnos, etc.) que garantan que o posible acordo supoña unha mellora real do financiamento.
- Definir o concepto de suficiencia financeira.
E constátanse diverxencias claras, especialmente por parte das CC. AA. en relación con quen debe financiar o incremento do financiamento, se o estado ou as propias comunidades.
Desgraciadamente a reunión finalizou sen establecer non xa o dito calendario de traballo, senón sen sequera fixar unha nova data de reunión.
CCOO reclamamos a todas as partes asumir a necesidade e urxencia dun acordo que garanta a suficiencia financeira e a viabilidade e o crecemento das universidades públicas: non podemos agardar máis para afrontar, dunha vez por todas, as serias carencias no financiamento das universidades públicas que poñen en perigo o seu papel de servizo público e de nivelador social.

