As traballadoras e traballadores do ensino concertado cobrarán o 0,5 % adicional de 2024 comprometido no acordo do Goberno con CCOO

O aumento do 0,5% adicional pendente para 2024 e consolidable será efectivo unha vez quede publicado no BOE o acordo do Consello de Ministros. Este incremento aplicarase ás retribucións vixentes o 31 de decembro de 2023, rematando así cos compromisos salariais do Acordo Marco para unha Administración do século XXI, asinado polo sindicato en outubro de 2022.

O aumento salarial adicional estaba condicionado ao cumprimento dun requisito macroeconómico: que a variación acumulada do IPC harmonizado superase o incremento retributivo fixo deste período. O requisito cumpriuse e, unha vez salvada a referida publicación no BOE, o aumento retributivo para o persoal docente deberían aplicalo o antes posible as diferentes consellerías de Educación. Cabe recordar que o incremento adicional para o persoal non docente xa se asinou no marco do Convenio Colectivo, que está pendente de publicación no BOE.

Con este último incremento do 0,5 %, o acordo asinado por CCOO sitúa a suba salarial para as traballadoras e os traballadores do ensino concertado en arredor do 10 % entre 2022 e 2024.

Así mesmo, CCOO instou o Goberno a iniciar decontado a negociación dun novo pacto que permita seguir avanzando na mellora das condicións laborais para as traballadoras e traballadores públicos e, por extensión, para as persoas traballadoras do ensino concertado. É a presenza de CCOO na Mesa do Diálogo Social e na Mesa Xeral da Función Pública a que fai posible que poidan beneficiarse dos acordos sociais e retributivos asinados neses ámbitos.