Os sindicatos maioritarios solicitaron unha reunión urxente ao ministro de Función Pública para alcanzar solucións que aseguren a atención sanitaria do funcionariado.
Os sindicatos CCOO e UGT instan o Goberno e as aseguradoras para alcanzar un acordo razoable e satisfactorio, que garanta a estabilidade nos servizos de asistencia e calidade sanitaria das e os empregados públicos, evitando recortes que poidan afectar a atención das persoas mutualistas que actualmente están en MUFACE.
As dúbidas respecto da licitación manteranse por varios días máis, despois de que o Goberno decidise postergar o prazo de peche ata o 27 de xaneiro. Pero a incerteza non acaba alí, pois haberá que ver como finaliza o proceso e cales serán as medidas que se implementarán para asegurar a continuidade do servizo e garantir a cobertura e a calidade.
Ata hoxe, e a pesar dos intentos do Ministerio de Función Pública por acougar ás persoas mutualistas, non hai nada claro respecto ao seu futuro. Agora, as aseguradoras, na súa ambición insaciable de rédito económico, seguen presionando para que o Goberno aumente o financiamento. Pola súa banda, o Goberno tampouco aclarou que pasará se a segunda licitación quedase deserta e cales serían os escenarios posibles en caso de chegar a esa situación.
Sexa como sexa, CCOO e UGT reiteran as súas reivindicacións en canto a que é prioritario que o Goberno ofreza certezas e garantías a quen actualmente están na entidade mutualista, que se presenten as medidas que fagan falta para evitar o colapso da sanidade pública no caso de que a licitación non chegue a bo porto e, por suposto, que se lles inclúa no proceso para velar pola seguridade da atención sanitaria das persoas mutualistas.
Finalmente, os sindicatos consideran que será imprescindible abrir un espazo de reflexión para garantir a futuro a asistencia sanitaria de funcionarias e funcionarios públicos, evitando a incerteza cada dous ou tres anos.