X Convenio colectivo de ensino e formación non regrada
Os días 18 de decembro e 17 de xaneiro celebráronse novas reunións da mesa negociadora do X Convenio de Ensino e Formación Non Regrada. As organizacións sindicais, logo de completarmos a revisión do texto do convenio, presentamos as nosas propostas de reducións da xornada de traballo e de incrementos salariais para o período 2024-2026. Adicionalmente, na reunión do 18 de decembro, trasladámoslles ás organizacións patronais novas propostas en materia de dereitos LGTBIQ+, violencia de xénero e enfermidades graves das persoas traballadoras.
No relativo aos salarios, propuxemos subas similares ás do SMI, é dicir, do 5 % anual. Tendo en conta que as últimas táboas salariais publicadas son as de 2023, CCOO recalcou a importancia de pactar subas desde xaneiro de 2024 para que os salarios non se vexan afectados polo tempo investido na negociación do novo convenio.
Paralelamente, insistimos na necesidade de encontrar algún mecanismo que sirva para diferenciar os salarios, mantendo as diferenzas salariais das categorías que non se están vendo afectadas polas fortes subas que vén experimentando o SMI e evitar desta maneira o efecto igualador que producen estes incrementos nos salarios do convenio.
Doutra banda, rexeitamos categoricamente a proposta dalgunha das patronais da mesa que, unha vez máis, propuxo a desaparición do complemento de dedicación, integrándoo no salario base. Desde CCOO, sempre defendemos a existencia deste complemento que, ao se aplicar en tres tramos correspondentes á porcentaxe da xornada realizada, ten un efecto beneficioso nos salarios de moitas traballadoras e traballadores contratados a tempo parcial. A integración deste complemento no salario base —converténdose nun concepto que se aboaría en proporción á xornada— suporía unha importante perda salarial para estas persoas.
As patronais responderon a estas propostas suxerindo, por una parte, que se adapten os salarios ao SMI publicado en 2024 e, por outra, unha suba que se podería situar en arredor do 3 % para o resto das categorías neste mesmo ano. Para os incrementos de 2025 e 2026 manifestaron que, antes de poder concretar unha proposta, necesitaban coñecer as modificacións lexislativas que poida aplicar o Goberno a principios de 2025, o novo SMI e a posible modificación da xornada máxima de traballo.
Con respecto á proposta de reducións da xornada de traballo que expuxemos na nosa plataforma (33 horas semanais para o persoal docente e 37,5 horas para o persoal non docente), as patronais volveron rexeitar calquera tipo de modificación na regulación actual do convenio.
Canto ás novas propostas, aceptouse incluír un novo suposto de excedencia para casos de violencia de xénero e quedamos en traballar novas medidas de igualdade e a nova regulación contra a discriminación LGTBIQ+ no ámbito laboral.
Finalmente, emprazámonos a unha nova reunión o vindeiro 20 de febreiro.