As subas salariais non se conseguen con propaganda. As medallas, para quen negocia

Que non te enganen: de onde veñen as subas salariais e quen traballa realmente para conseguilas.

Desde CCOO Ensino queremos aclarar as cousas ante os comunicados difundidos por algunhas organizacións sindicais que pretenden atribuírse en exclusiva a actualización do 4,5 % dos módulos económicos do ensino concertado para 2027, así como outros incrementos retributivos, coma se fosen consecuencia directa da súa actuación.

Cómpre explicar as cousas con rigor: unha suba salarial non se consegue presentando un escrito por rexistro, nin pode atribuírse a quen non participou nos ámbitos onde se negocian e acordan os incrementos salariais.

De onde veñen realmente as subas salariais?

Os incremento retributivo do 4,5 % e as demais porcentaxes acordadas non son concesións illadas nin logros exclusivos de ningunha organización sindical do sector. A súa orixe está nos acordos acadados no ámbito estatal da negociación do emprego público, concretamente na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, na que CCOO si participa e negocia.

É nese ámbito onde se acordan os marcos xerais de incremento salarial que posteriormente teñen o seu reflexo na normativa e nos Orzamentos Xerais do Estado. A través destes instrumentos trasládanse as actualizacións correspondentes aos módulos económicos dos concertos educativos, que permiten financiar as retribucións do persoal docente mediante o pagamento delegado.

Polo tanto, a orixe destas melloras está na negociación colectiva estatal e no marco legal e orzamentario que as fai posibles, non nas solicitudes administrativas que posteriormente poidan presentar as distintas organizacións sindicais.

Por que estas subas se trasladan ao ensino concertado?

A actualización das retribucións non responde á vontade dunha Administración autonómica nin á xestión exclusiva dunha determinada organización sindical. Enmárcase no principio de analoxía retributiva e equiparación salarial recollido na normativa educativa, así como no marco legal e orzamentario que regula o financiamento dos concertos educativos.

Ademais, a homologación retributiva e a defensa dos dereitos salariais do persoal do ensino concertado son froito de anos de negociación, reivindicación e loita sindical, incluída a vía xudicial cando foi necesario.

Neste camiño, CCOO desempeñou un papel fundamental, defendendo os dereitos do conxunto das persoas traballadoras e esixindo que as melloras recoñecidas se traduzan en avances reais.

Quen negocia e quen se limita a solicitar?

Para que estas melloras salariais cheguen ás nóminas do persoal do ensino concertado é necesario traballar en distintos ámbitos de negociación:

  • Mesa Xeral de Negociación do Emprego Público: onde CCOO negocia os incrementos retributivos xerais que serven de referencia para as actualizacións salariais.
  • Mesa de negociación do Convenio Colectivo Nacional do Ensino Concertado: onde CCOO defende as táboas salariais, os complementos e as condicións laborais do conxunto das persoas traballadoras do sector.
  • Ámbitos de negociación autonómicos: onde CCOO esixe ás administracións educativas que as actualizacións económicas se apliquen efectivamente e cheguen aos cadros de persoal.

Os sindicatos corporativos do ensino concertado non participan na Mesa Xeral de Negociación do Emprego Público, que é precisamente un dos ámbitos fundamentais onde se acordan os incrementos retributivos xerais.

Por iso hai que diferenciar claramente entre negociar un acordo e solicitar que se aplique o que xa se acordou.

Rexistrar un escrito ante a Administración reclamando a actualización dos módulos ou o pagamento das cantidades correspondentes é unha actuación lexítima e necesaria, que todas as organizacións sindicais realizamos. Pero non é negociar unha suba salarial, nin conseguir un acordo, nin permite apropiarse do traballo realizado noutros ámbitos de negociación.

Presentar unha solicitude non é negociar. Reclamar a aplicación dunha medida non é ser autor desa medida. E moito menos pode presentarse como un logro exclusivo aquilo que se conseguiu mediante acordos nos que nin se participou nin se asinaron.

CCOO Ensino seguirá traballando para que as melloras cheguen a todas as persoas traballadoras

A nosa responsabilidade non remata coa sinatura dun acordo nin coa aprobación dunha actualización económica. Seguiremos esixindo que os incrementos se apliquen correctamente, que non se atrasen e que alcancen todas as categorías profesionais do ensino concertado.

Seguiremos defendendo o poder adquisitivo dos cadros de persoal, a mellora das condicións laborais, a redución da carga lectiva e a equiparación plena de todas as categorías profesionais.

A credibilidade sindical non se constrúe con comunicados oportunistas nin apropiándose de logros alleos. Demóstrase estando nas mesas onde se negocia, asinando acordos e traballando para que os dereitos conquistados cheguen ás nóminas.

As subas salariais non se conseguen con propaganda. As medallas, para quen negocia e consegue os acordos.