Acordo de xubilación parcial no ensino concertado de Galicia

Onte, xoves, 13 de novembro de 2025, celebrouse a reunión da Mesa Tripartita para valorar a última proposta de Acordo de xubilación parcial da Consellería de Educación.

CCOO Ensino manifestamos que, en exercicio de responsabilidade e por ser unha reivindicación dos e das docentes, asinaremos esta proposta definitiva.

Puntos clave da proposta definitiva da Consellería

A proposta final, que se asinará proximamente e que valoramos polos avances que representa respecto á inicial de abril, contén os seguintes puntos:

Proposta inicial (abril)Proposta final (novembro)
Un ano de anticipación da xubilaciónDous anos
Dúas ventás de tramitaciónTres ventás
Contratación do remudista: dunha parte, as patronais deben acreditar que realizaron entrevistas a docentes na bolsa de recolocación.

Doutra parte, será obrigatorio contratar como remudistas aquelas persoas que cumpran a dobre condición de:

· estaren na bolsa de recolocación, e
· que fosen docentes do centro con anterioridade e perdesen o seu posto pola supresión dunha aula concertada.

As nosas peticións de máximos non incluídas

Lamentamos que a nosa proposta inicial non puidese facerse realidade. Entre as peticións non recollidas estaban estas:

  • tres anos de anticipación á idade ordinaria de xubilación;
  • inclusión de todas as persoas traballadoras (independentemente do pagador);
  • obrigatoriedade de contratar remudista a partir da bolsa de recolocación en todos os casos;
  • supresión total das ventás de tramitación.

O valor da unidade e a responsabilidade

Estes avances son froito da unión sindical, da nosa responsabilidade e do traballo constante. Grazas a isto, avanzamos en dereitos e melloramos as condicións laborais do sector.

Valoramos, ademais, o cambio de actitude da Consellería e pedimos continuar nesta vía de diálogo, abandonando prácticas de ostracismo e desprezo cara ás persoas traballadoras do ensino concertado.

A débeda histórica de 45 €/mes

Non deixamos pasar a oportunidade de recordarlle á Consellería a súa obriga de cumprir o acordo de homologación de 2008, aniquilado en 2010. A Consellería leva 15 anos sen lles aboar aos e ás docentes de concertada 45 euros mensuais. Recalcamos que non hai nada que negociar; este é un acordo xa negociado, pactado e asinado que simplemente teñen que cumprir.

Guía do Acordo de xubilación parcial

Elaboramos unha guía informativa para resolver as dúbidas do novo acordo, que será asinado proximamente, unha vez que a Consellería faga as xestións oportunas.

Co voso apoio, temos máis forza! Seguimos!