Froito do traballo da comisión de seguimento do “Acordo de medidas de mellora”, na que participamos as tres organizacións asinantes do mesmo, CCOO, ANPE e UGT-SP, a Consellería publica hoxe no portal de substitutoslistas ata 19 vacantes a cubrir por interinidade, é dicir, ata o 31 de agosto de 2025.
Todas estas vacantes afloran grazas a reclamacións presentadas na comisión de seguimento ante diversas incidencias detectadas nos centros pola inadecuada aplicación do Acordo, tal como denunciamos as organizacións asinantes. As especialidades nas vacantes ofertadas obedecen, segundo a Consellería, ás preferencias comunicadas individualmente por cada un destes centros.
No caso de terse aplicado íntegra e inmediatamente o texto publicado en DOG e asinado polo Presidente da Xunta de Galicia, teríanse creado moitas máis prazas de profesorado para baixar aínda máis as ratios e mellorar a atención á diversidade do alumnado galego.
Pola nosa parte, seguiremos traballando arreo, tanto nas comisións de seguimento como por todas as vías que nos permita a xustiza, para conseguir que se aplique de forma inmediata a totalidade do Acordo.
Agradecemos a toda a comunidade educativa galega (profesorado, equipos directivos, ANPAs, etc.) a información que nos fai chegar sobre os problemas detectados nos centros e animamos a que continúen facéndoo a pesar das presións recibidas. Igualmente ás organizacións sindicais que non se quixeron sumar ao acordo, tachándoo de vergoñento e que a día de hoxe poñen o seu “grao de area” esixindo que se aplique o asinado íntegramente e de forma inmediata.
Non podemos esquecer que todas estas incidencias e retrasos no envío de profesorado aos centros crean un grave problema de inxustiza a cantas persoas acudiron ao chamamento da Consellería para cubrir substitucións de curta duración e agora, mentres axudan a soster o sistema educativo lonxe dos seus domicilios, ven como afloran interinidades ao lado da casa, ás cales non poden optar. Estas cuestións non deben repetirse o vindeiro curso.