A Área Pública de CCOO celebra o Día Mundial dos Servizos Públicos

Como cada ano, a Área Pública de CCOO celebra o 23 de xuño, Día Mundial dos Servizos Públicos, coa convicción de que a súa defensa, mellora e extensión a cada vez máis ámbitos da sociedade é garantía de igualdade de oportunidades, de solidariedade, dunha sociedade máis sa, formada e participativa e, en definitiva, do que viñemos a denominar o estado do benestar.

Todo o contrario é o que defenden as políticas neoliberais, que contribúen, coa súa ideoloxía individualista, a ampliar as desigualdades e as diferenzas de clase, deteriorando a democracia e a necesaria convivencia de país.

En todo caso, agora e no futuro, os servizos públicos son unha conquista colectiva á que CCOO nunca renunciará.

O noso sindicato recoñece e recoñécese na defensa de quen fai posible o funcionamento dos servizos públicos, que non son outros que as empregadas e empregados. Sen eles e elas, sen nós, non é posible falar de democracia nin dunha sociedade igualitaria que demanda a cidadanía.