CCOO reclamamos ao Ministerio de Defensa que formalice de inmediato a adxudicación do acordo marco para a selección da empresa encargada da xestión dos seus centros de educación infantil e dos seus organismos autónomos.
A adxudicación recae en Las Palmas, S. L., tras a inadmisión do recurso presentado por Kidsco Balance, S. L. contra a resolución do procedemento de contratación (expediente 2025/JCMDEF/00000186E), convocado pola Xunta de Contratación do Ministerio de Defensa.
Desde CCOO esiximos que se formalice a adxudicación sen máis demoras para regularizar o pagamento dos salarios e garantir que o persoal poida percibir as melloras retributivas previstas no convenio colectivo.
A actualización das táboas salariais supón un incremento de 288,15 € euros mensuais para as educadoras de educación infantil. A responsabilidade de desbloquear esta situación corresponde ao propio Ministerio, polo que insistimos na urxencia de formalizar o novo contrato.
Desde CCOO reclamamos:
- A cancelación inmediata da prórroga prevista para Kidsco Balance, S. L., con efectos a partir do 1 de decembro, para poñer fin á xestión dunha empresa morosa. Nos últimos anos, esta situación obrigou o sindicato e o persoal a mobilizarse reiteradamente para esixir algo tan básico como cobrar polo seu traballo.
- O inicio efectivo do novo contrato coa empresa adxudicataria o 1 de decembro, garantindo a subrogación de todo o persoal e o cumprimento íntegro do convenio colectivo.
- A aplicación urxente das «táboas salariais A» desde esa mesma data, cun incremento de 288,15 euros mensuais para o posto de educador ou educadora infantil. Así poríase fin ás condicións salariais precarias que vén soportando o persoal.
Cómpre lembrar que CCOO impulsou numerosas mobilizacións e xornadas de paro, e tamén denuncias ante a Inspección de Traballo, actuacións que resultaron determinantes para conseguir estas melloras salariais.
Desde CCOO seguiremos loitando para garantir a aplicación de todas as melloras laborais e salariais do persoal dos centros de educación infantil do Ministerio de Defensa e dos seus organismos autónomos.

