CCOO Ensino sobre o acto electoral no HC San Rafael de Vigo

Ante a convocatoria dun acto de campaña do Partido Popular nas instalacións do centro de atención a persoas con discapacidade HC San Rafael (San Juan de Dios) en Vigo, desde CCOO Ensino queremos trasladar ás persoas traballadoras, ás persoas usuarias e ás súas familias as seguintes aclaracións legais e de dereitos:

1. Natureza do centro e deber de neutralidade institucional

Segundo os principios da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG) e a doutrina da Xunta Electoral, nos centros de natureza pública esíxese un estrito deber de neutralidade institucional e igualdade de oportunidades. Isto implica que non se poden empregar recursos humanos ou materiais pagados polo concerto público para organizar actos partidistas.

Aínda que o HC San Rafael é un centro de titularidade privada, presta un servizo de interese xeral financiado con fondos públicos a través de concertos e subvencións. Polo tanto, desde CCOO Ensino consideramos que ese principio de neutralidade institucional debería preservarse.

Non obstante, de autorizarse a visita dunha formación política, debe garantirse exactamente a mesma oportunidade ao resto de partidos que o soliciten e ter en conta os dereitos das persoas usuarias, das súas familias e das persoas traballadoras do centro.

2. Dereitos das persoas usuarias

  • Voluntariedade: A asistencia ao acto debe ser estritamente libre e voluntaria. Ningunha persoa usuaria pode ser obrigada a acudir.
  • Protección fronte a coaccións: A LOREG recoñece o dereito ao voto das persoas con discapacidade en igualdade de condicións e prohibe calquera tipo de indución indebida, presión ou aproveitamento da vulnerabilidade para orientar o seu sentido do voto.

3. Dereitos das traballadoras e traballadores

  • Liberdade ideolóxica e voluntariedade: A empresa non pode obrigar ao persoal a asistir ao mitin nin a participar na súa organización, nin dentro nin fóra da súa xornada laboral.
  • Garantía de non represalias: Non asistir ao acto ou manter unha postura crítica non pode supoñer ningún prexuízo nin discriminación laboral.
  • Prioridade asistencial: Durante o horario laboral, o persoal ten o dereito e o deber de centrarse exclusivamente na atención ordinaria e nos coidados das persoas usuarias, sen que as súas funcións profesionais se vexan alteradas por fins partidistas.

Desde CCOO Ensino exiximos á dirección do centro o máximo respecto á pluralidade, á neutralidade que esixe o uso de fondos públicos e á garantía plena dos dereitos fundamentais tanto das persoas usuarias como de todas as traballadoras e traballadores.