A universidade pública, acurralada pola acción ou omisión das administracións.
O xoves 8 de outubro, a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo (TS) anulou, por falta de xustificación da súa tramitación urxente, o Real decreto 905/2025, do 7 de outubro, sobre universidades, ao estimar un recurso da comunidade autónoma das Illas Baleares. A causa da anulación non foi o contido do real decreto (o tribunal nin sequera entrou a valorar os artigos recorridos), senón que anulou a norma por un defecto formal, ao concluír que o acordo de tramitación urxente do procedemento de elaboración e aprobación non está debidamente xustificado.
Anúlase unha norma que, aínda que insuficiente, era imprescindible
O Real decreto 905/2025 modificaba o Real decreto 640/2021, de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios, que era claramente insuficiente e que, de feito, non evitou a creación, desde a súa aprobación, de 10 novas universidades privadas en tan só catro anos. Coa aprobación do Real decreto 905/2025 buscábase endurecer os requisitos para a creación, o recoñecemento e a autorización de novas universidades públicas e privadas en España, co obxectivo principal de garantir a calidade, a equidade e a sustentabilidade do sistema universitario. A norma respondía ao crecemento acelerado, descontrolado e sen rigor das universidades privadas, fomentado por determinadas comunidades autónomas, e pretendía frear a proliferación de centros de baixa esixencia académica. Aínda que CCOO vén denunciando desde a súa aprobación a insuficiencia dos cambios introducidos e reclamando unha maior ambición, sinalamos igualmente que a norma avanzaba na dirección axeitada.
A resolución do TS pon de manifesto a situación real da universidade pública: entre a inacción do Ministerio e o acoso e derribo das comunidades autónomas do PP
O Supremo recoñece que a LOSU introduciu cambios suficientes que xustifican o Real decreto 905/2025, novidades que «incluso poderían constituír as razóns da declaración de urxencia e da omisión do trámite de consulta pública previa que se denuncia». Pero o TS considera que o real decreto anulado non di nada ao respecto e que a única xustificación que se achega para a urxencia da súa aprobación responde máis a unha vontade política que a unha causa obxectiva que acredite esa urxencia.
CCOO non cuestiona a sentenza, aínda que non a comparte, xa que entende que a supervivencia do sistema universitario público precisa dunha normativa que avance e afonde no camiño marcado polo Real decreto 905/2025 e que a urxencia desta normativa está máis que xustificada. Dito isto, resulta necesario sinalar que a responsabilidade desta situación recae directamente:
1. Nas comunidades autónomas do PP que recorreron o Real decreto 905/2025: Madrid, Illas Baleares, Aragón, A Rioxa e Estremadura. Tamén presentaron recursos o Grupo CEU, a Universidade Hespérides e catro universidades estranxeiras con sede en España (CIS, Schiller, Saint Louis e Francisco Marroquín). Son as mesmas comunidades que incumpren sistematicamente a súa obriga de financiar de maneira suficiente e axeitada as súas universidades públicas; que aproban de maneira indiscriminada novas universidades privadas que contan con informes negativos das axencias de calidade e dos órganos de supervisión; que autorizan calquera nova titulación ás universidades privadas mentres impiden o crecemento en titulacións e alumnado das públicas; que ceden solo público e axilizan as licenzas urbanísticas para as universidades privadas; etc.
2. E no propio Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU), que redactou e tramitou a norma. A anulación dun real decreto por defectos formais supón un impacto operativo, organizativo e de credibilidade moi grave. Non é só un problema legal; tradúcese na paralización dunhas políticas públicas imprescindibles para asegurar a calidade e o compromiso social do sistema universitario público, unhas políticas que pretendían beneficiar o estudantado, as familias e o conxunto do sistema universitario.
E agora, que?
A resolución do TS implica que a aprobación do Real decreto 905/2025 carece de «amparo» legal e que o Goberno, na práctica, debe repetir o proceso. A realidade é que, coa normativa actual:
-
Hai comunidades autónomas que aprobaron universidades con informes desfavorables do MICIU, con instalacións claramente insuficientes, sen profesorado suficiente ou con 3.000 euros de capital.
-
España conta con 50 universidades públicas e 49 privadas que ofertan prazas no curso 2026/2027:
-
En 1998, ano de creación da última universidade pública, había 15 universidades privadas (3 con ánimo de lucro).
-
En 2021, ano en que se aprobou o Real decreto 640/2021, había 40 universidades privadas (15 con ánimo de lucro).
-
En 2025, ano en que se aprobou o Real decreto 905/2025, das 48 universidades privadas, 24 tiñan ánimo de lucro.
-
En 2026, das 49 universidades privadas existentes, 25 teñen ánimo de lucro.
-
Das 19 universidades privadas creadas desde 2015, 14 teñen ánimo de lucro. Todas as universidades privadas creadas desde 2022 teñen ánimo de lucro.
-
Coa anulación do real decreto, as comunidades autónomas recuperan as competencias sobre as universidades en liña (que pasaran á Administración central); xa non será necesario un informe favorable da ANECA ou da axencia autonómica de calidade; os centros privados non terán que dedicar o 5 % do seu orzamento á investigación; non terán que contar con polo menos tres programas de doutoramento nin cun 50 % de doutores no seu profesorado; non deberán garantir un mínimo de 4500 estudantes matriculados nin cumprir as obrigas relativas ao seu aloxamento, etc. Volveremos ver como os gobernos autonómicos aproban a posta en marcha de novas universidades ou de centros asociados a outras xa existentes con informes desfavorables das axencias de calidade e/ou do MICIU.
Ao anularse o texto, a normativa de referencia volve ser o Real decreto 640/2021, que establece criterios substancialmente máis laxos: as comunidades autónomas que mantiñan proxectos paralizados ou sometidos aos requisitos do Real decreto 905/2025 recuperan o marco normativo anterior. Isto afecta directamente os, polo menos, 14 proxectos de universidades privadas que se atopan en diferentes fases de aprobación nos parlamentos autonómicos.
O primeiro exemplo témolo en Galicia, onde a comunidade autónoma, no marco da negociación do plan de financiamento das universidades públicas galegas, propón a supresión do artigo 16 da Lei 6/2013, do Sistema universitario de Galicia (SUG), que regula a autorización para impartir ensinanzas por parte de universidades non pertencentes ao SUG. Isto supón que xa non se esixirá que as universidades e os centros que non pertenzan ao SUG conten coa autorización da consellería competente.
Ante esta situación, existe unha única vía de emenda: o Goberno debe iniciar un novo procedemento de elaboración de disposicións de carácter xeral, percorrendo de novo todas as fases regulamentarias, pero desta vez incluíndo correctamente o trámite omitido. Para evitar que os tribunais volvan anular a norma, o MICIU debe respectar obrigatoriamente os prazos ordinarios de participación cidadá, os informes técnicos e a consulta pública previa que omitiu a primeira vez. Malia o reducido dos prazos, o Goberno anunciou que esta é a súa intención e desde CCOO reclamamos que a nova norma incorpore as cuestións formuladas polo sindicato para impedir realmente a proliferación descontrolada de universidades privadas, que dana a calidade do noso sistema e prexudica a igualdade de oportunidades. A nova norma debe contar con ferramentas reais e eficaces que impidan que a universidade sexa un ben de mercado máis. É o momento de tomar decisións coherentes cos discursos que se difunden e adoptar medidas que defendan de verdade e de cara ao futuro o modelo público de universidade.

