CCOO Ensino volveu situar no Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral, celebrado o 24 de setembro, varias das principais demandas que vimos trasladando en materia de prevención. A nosa intervención permitiu concretar compromisos e actuacións da Consellería, pero tamén puxo de manifesto importantes cuestións que seguen sen unha resposta suficiente.
Máis formación preventiva e novas campañas de prevención
Un dos anuncios máis relevantes produciuse no ámbito da formación en prevención de riscos laborais. A Consellería anunciou que o próximo curso o persoal funcionario en prácticas terá un curso obrigatorio de PRL, homologable e puntuable, ao igual que sucede con outras formacións obrigatorias.
Aproveitamos este anuncio para volver reclamar que todos os cursos de prevención sexan homologables, incluídos os impartidos por Cualtis. A Administración manifestou que intentará que este recoñecemento se estenda non só aos cursos desta empresa, senón ao conxunto da formación en prevención de riscos laborais.
Tamén reiteramos que debe quedar claramente establecido o carácter do curso de 15 horas sobre riscos e emerxencias, evitando as dúbidas que se están producindo entre o persoal sobre a súa realización.
En materia de sinistralidade, a Consellería anunciou unha campaña de información e sensibilización sobre seguridade viaria, que será impulsada desde a Dirección Xeral. Ademais, indicou que procurará favorecer que as reunións sexan telemáticas na medida do posible, reducindo así os desprazamentos e a exposición aos accidentes in itinere.
Tamén se anunciou unha campaña de sensibilización sobre hábitos saudables a partir dos resultados obtidos na vixilancia da saúde.
Riscos psicosociais: unha demanda que debe traducirse en actuacións
A cuestión dos riscos psicosociais volveu estar presente na nosa intervención. A Consellería anunciou que realizará unha enquisa inicial sobre factores psicosociais coincidindo coas revisións das avaliacións de riscos nos centros educativos.
Este anuncio debe ser un primeiro paso e traducirse nunha actuación efectiva, cun procedemento definido e con continuidade. Faremos seguimento da súa posta en marcha para comprobar que se materializa en medidas concretas.
Radon: inaceptable esperar ata febreiro de 2027
Outro dos asuntos nos que centramos a intervención foi o radon. A Consellería concretou que prevé comezar as medicións en febreiro de 2027.
Recriminamos este atraso e reclamamos que as medicións comecen xa, lembrando que a normativa publicada desde maio de 2025 é clara ao respecto. Precisamente, unha das cuestións que levabamos ao Comité era coñecer cando e onde se iniciarían estas medicións e cal era o calendario previsto.
Para CCOO Ensino non é aceptable demorar ata febreiro de 2027 o inicio dunhas medicións directamente relacionadas coa protección da saúde das persoas traballadoras.
Amianto: reclamamos planificación e información sobre as retiradas
A presenza de amianto nos centros educativos foi outra das cuestións que puxemos sobre a mesa. Reclamamos plans de retirada e un calendario que permita coñecer as actuacións previstas, así como que estes traballos se planifiquen en períodos sen actividade e sen presenza de persoal ou da comunidade educativa.
A Consellería respondeu que non ten potestade para facilitarnos os plans de retirada, indicando que esta cuestión corresponde á Unidade Técnica e ás empresas encargadas de elaboralos, que posteriormente son supervisados polo ISSGA.
Esta resposta non resolve a necesidade de información e planificación. Por iso, seguiremos reclamando coñecer as actuacións previstas para a eliminación do amianto dos centros.
Embarazo: avances sobre as demandas trasladadas
A lentitude na tramitación das situacións de risco durante o embarazo foi novamente obxecto de denuncia. A Consellería manifestou que intentará axilizar estes procedementos e avanzou a posibilidade de que a solicitude poida realizarse aínda que a traballadora se atope en situación de incapacidade temporal (IT).
Ademais, reclamamos unha solución para que as substitutas embarazadas que chegan á semana 37 non teñan que desprazarse ao centro de destino para tomar posesión antes de iniciar o correspondente permiso. A Consellería comprometeuse a trasladar a proposta formulada para estudar se é posible aplicala.
Maior axilidade nas avaliacións de riscos
Entre as cuestións trasladadas ao Comité figurou tamén a necesidade de incrementar o ritmo das revisións das avaliacións de riscos. A Consellería comprometeuse a axilizalas todo o posible.
Para CCOO Ensino é fundamental que estas avaliacións non rematen coa elaboración dun documento, senón que as deficiencias detectadas se traduzan en actuacións efectivas nos centros.
Recoñecementos médicos: evitar problemas que afectan ao persoal e aos centros
Trasladamos tamén os problemas producidos na organización dos recoñecementos médicos, especialmente polos cambios e polas deficiencias na comunicación das citas.
A Consellería comprometeuse a velar por que as citas se notifiquen correctamente e a intentar solucionar as incidencias que lle sexan comunicadas. Insistimos en que estas situacións deben evitarse tanto polos prexuízos ocasionados ao persoal como pola repercusión que teñen na organización dos centros e das substitucións.
O prazo de solicitude dos recoñecementos quedará establecido entre o 25 de setembro e o 31 de outubro.
Porén, a Consellería non aceptou a nosa petición de realizar unha comunicación directa a todo o persoal mediante o correo corporativo e seguirá trasladando a información a través dos equipos directivos.
Os comités non poden reunirse a golpe de denuncia
Durante a reunión afeámoslle á Consellería que teñamos que recorrer á Inspección de Traballo para conseguir que se convoque o Comité Intercentros. Lembramos a denuncia presentada o 3 de xullo e o posterior requirimento da Inspección para a convocatoria do Comité e o cumprimento da súa periodicidade.
A Consellería manifestou que intentará respectar a periodicidade das reunións, ao tempo que sinalou a súa disposición a atender as cuestións que as organizacións sindicais lle trasladen entre reunións.
Tamén reclamamos o correcto funcionamento dos comités provinciais. A Consellería manifestou que intentará favorecer a súa actividade.
Para CCOO Ensino a cuestión é clara: os órganos de participación en materia preventiva deben funcionar con normalidade e coa periodicidade establecida, sen que sexa necesario acudir á Inspección de Traballo para conseguir que se reúnan.
Seguiremos de preto os compromisos adquiridos
Do Comité saen medidas concretas e compromisos que seguiremos de preto: nova formación obrigatoria en PRL para o persoal funcionario en prácticas, avance cara á homologación da formación preventiva, campañas de seguridade viaria e hábitos saudables, enquisa inicial sobre factores psicosociais e maior axilidade nas avaliacións de riscos e nos procedementos relacionados co embarazo.
Pero quedan cuestións nas que a resposta da Consellería continúa sendo insuficiente. Non compartimos que as medicións de radon se demoren ata febreiro de 2027, seguiremos reclamando información e planificación para a retirada do amianto e esixiremos que os órganos de prevención funcionen coa periodicidade que lles corresponde.
CCOO Ensino continuará facendo seguimento de cada un destes compromisos para que os anuncios realizados no Comité se convertan en actuacións reais nos centros educativos.

