CCOO esixe que se garanta o dereito de todas as persoas traballadoras a acceder e beneficiarse das prestacións de Seguridade Social sen fendas tecnolóxicas
No BOE do 1 de xuño de 2026 publícase a Orde ISM/541/2026, de 27 de maio, pola que se modifica a Orde ISM/903/2020, de 24 de setembro, pola que se regulan as notificacións e comunicacións electrónicas no ámbito da Administración da Seguridade Social.
Para CCOO, a comunicación electrónica debe servir para lles facilitar os trámites ás persoas traballadoras e en ningún caso pode supoñer un atranco ao dereito a acceder ás prestacións de Seguridade Social e ao exercicio dos seus dereitos, de forma que:
- A implantación destes novos procedementos debe ser gradual e acompasarse aos ritmos que esixe a disparidade de posibilidades de conectividade que presentan os diferentes perfís de persoas traballadoras.
- A Administración pública de Seguridade Social debe prever mecanismos de atención presencial.
A partir de que data se aplican estes cambios
Desde o 1 de setembro de 2026.
A que e a quen afectan estes cambios
A norma afecta:
- ás persoas solicitantes ou perceptoras de prestacións de incapacidade temporal (IT);
- a quen reciba notificacións ou comunicacións relacionadas con prestacións de incapacidade permanente (IP), aínda que xa a teña recoñecida;
- a quen reciba notificacións ou comunicacións relacionadas con lesións permanentes non incapacitantes;
- tamén seguen obrigadas a utilizar este sistema as persoas solicitantes ou perceptoras de prestacións por nacemento e coidado de menor, risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural, que xa tiñan regulada con anterioridade esta situación.
Novo procedemento en dous pasos para recibir comunicacións de Seguridade Social
De agora en diante, o procedemento consistirá en dous pasos:
- As persoas traballadoras recibirán un aviso (principalmente mediante SMS no móbil ou mediante un correo electrónico) no que as informarán de que se enviou unha comunicación sobre unha prestación que lle afecta e á que poderá acceder a través da sede electrónica da Seguridade Social.
- A persoa traballadora deberá descargar a comunicación da sede electrónica da Seguridade Social utilizando un sistema de identificación persoal (certificado dixital, DNI electrónico, Clave permanente, etc.).
Para ter en conta:
- O medio ordinario de recepción das comunicacións será o electrónico (SMS, correo electrónico, etc.) pero a norma tamén garante a notificación presencial.
Desde CCOO reclamámoslle ao secretario de Estado da Seguridade Social que se poña en marcha unha campaña de información en todas as direccións provinciais do INSS na que se informe dos medios electrónicos autorizados que poden utilizar as persoas traballadoras para accederen en liña ás comunicacións da Seguridade Social (certificados electrónicos, DNI dixital, Clave permanente, etc.) e os procedementos que teñen que seguir para a súa utilización.
En paralelo á medida anterior, o INSS tamén debe garantir a posta en marcha de protocolos de atención presencial nas oficinas para garantir a atención efectiva das persoas traballadoras que carecen de conectividade en liña. Neste sentido, desde CCOO consideramos necesario a posta en marcha de medidas tales como, por exemplo, quendas de atención sen cita previa para descargar as comunicacións nas oficinas, a intensificación das canles de comunicación telefónica ou a implementación dos sistemas de identificación por videochamada que xa veñen sendo probados en experiencias piloto, entre outras.
Igualmente, debe garantirse o mantemento das comunicacións e notificacións por medios non electrónicos naqueles casos en que a Seguridade Social non dispoña de datos de contacto electrónico para practicar o aviso da posta a disposición da comunicación ou notificación na sede electrónica. - É importante garantir a recepción efectiva das comunicacións no prazo de 10 días naturais. Desde o ano 2020, a normativa xa sinalaba que desde que unha notificación se pon ao dispor da persoa traballadora na Sede Electrónica, cóntase con dez días naturais para acceder a ela. Se transcorre ese prazo sen o facer, a notificación enténdese rexeitada e o procedemento continúa, o que pode ter consecuencias sobre os prazos para realizar trámites ou presentar reclamacións. Trátase dunha situación similar á que se daba tradicionalmente cando unha persoa traballadora recibía unha carta certificada e se negaba a aceptar a súa entrega.
- Reforzar a información dos instrumentos de comunicación electrónica para facilitar o acceso das persoas traballadoras ás comunicacións de Seguridade Social. Para facilitar e axilizar a comunicación en liña, é importante ter en conta as seguintes cuestións:
- Comprobar que a Seguridade Social dispón dos nosos datos de contacto electrónico actualizados para poder recibir os avisos de posta a disposición de novas notificacións (número de teléfono móbil e/ou correo electrónico).
- O aviso é unicamente informativo. Aínda que non se reciba ou decidamos non abrilo, a notificación posta a disposición na Sede Electrónica segue a ser válida e os prazos corren.
- Para acceder ás notificacións (descargar a comunicación) cómpre dispoñer dun sistema de identificación electrónica admitido en función dos datos que conteña.
- Cando conteñan datos persoais de categoría especial, como os relativos á saúde, só poderán consultarse mediante certificado electrónico o Cl@ve Permanente.
- A norma mantén excepcións nas que a Seguridade Social poderá realizar a notificación por medios non electrónicos, entre elas cando a persoa compareza espontaneamente nunha oficina do INSS (Centros de Atención e Información da Seguridade Social –CAISS–) e solicite recibila persoalmente ou cando a Administración non dispoña dos seus datos de contacto electrónico para enviarlle o aviso.
- Ademais, quen tiver dificultades para acceder electronicamente ás súas notificacións poderá solicitar asistencia presencial nos CAISS.
- Para confirmares os teus datos de contacto que ten a Seguridade Social ou para modificalos, podes utilizar a aplicación Importass. Ademais, esta aplicación permite tamén acceder a outra moita información relacionada coa cotización (situación alta e baixa, bases de cotización, informes de vida laboral, alta e baixa de empregada de fogar ao teu cargo, etc.).
- Para acceder ás comunicacións da Seguridade Social pódense utilizar varias plataformas oficiais:
- Desde a páxina web da Sede Electrónica da Seguridad Social (SEDESS) existe a posibilidade de acceder ao servizo «Consultar e asinar notificacións telemáticas».
- Pódese acceder a través das páxinas web de varios dispositivos oficiais que che permiten o acceso a todas as comunicacións do Estado (Seguridade Social, Dirección Xeral de Tráfico, Axencia Tributaria, etc.):
- a través da Dirección Electrónica Habilitada única (DEHú).
- A través de Mi Carpeta Ciudadana.
- Pódese acceder tamén a través das app destes mesmos organismos oficiais: podes instalar no teu teléfono móbil a aplicación oficial Notifica App, que permite acceder ás notificacións e comunicacións dispoñibles das Administracións públicas adheridas (descargar a app en Google Play para Android / descargar a app en App Store para iPhone e iPad).
IMPORTANTE: estes avisos son complementarios e de cortesía: non substitúen a notificación oficial nin modifican os seus efectos ou prazos. Por iso é recomendable manter actualizados os datos de contacto na Seguridade Social a través de Importass e consultar periodicamente as notificacións electrónicas.
- Unha vez que se reciba o aviso dunha comunicación, para descargalo hai que dispor dun medio de identificación electrónica. Debido ao carácter especialmente sensible dos datos que conteñen as comunicacións de Seguridade Social (datos de saúde, económicos, etc.), os medios de identificación electrónica que están habilitados para descargar os comunicados son os seguintes:
- Cl@ve: pode obterse rexistrándose no sistema Cl@ve.
- DNI electrónico (DNIe): obtense xunto co DNI nas oficinas de expedición da Policía Nacional. Os seus certificados electrónicos poden activarse ou renovarse nos puntos de actualización do DNIe.
- Certificado dixital: pode solicitarse a través da FNMT e acreditar posteriormente a identidade por algún dos medios habilitados.
As propostas de actuación que desde CCOO lle formulamos ao secretario de Estado da Seguridade Social están dirixidas a garantir que o obxectivo dos novos procedementos electrónicos sexa o de lles facilitar ás persoas traballadoras os trámites que deban realizar e que en ningún caso poidan operar como un obstáculo para o exercicio dos seus dereitos. Debemos recordar que esta idea non é só unha reivindicación de CCOO, senón que forma parte do espírito e a literalidade da norma que agora entra en vigor.

