CCOO Ensino defendemos que os avances previstos no proxecto de lei en tramitación se estendan a todos os centros sostidos con fondos públicos. Mellorar as condicións laborais do persoal do ensino concertado é tamén mellorar a calidade educativa.
A Federación de enseñanza de CCOO rexistrou esta mañá, no Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, unha petición dirixida á presidencia da Comisión de Educación do Congreso e ás persoas representantes dos grupos parlamentarios para que se teña en conta o ditame 1/2026 do Consello Escolar do Estado.
Este ditame fixa, con carácter de máximos, a xornada lectiva do persoal docente en 23 horas en Infantil, Primaria e Educación Especial, e en 18 horas en Secundaria e no resto das ensinanzas.
CCOO reclama que estes avances non queden limitados aos centros públicos e que se estendan tamén ao profesorado que presta o servizo público da educación nos centros privados concertados, tal e como recolle a recomendación do Consello Escolar do Estado en relación co artigo 108.4 da LOE.
Por iso, a petición rexistrada por CCOO establece a necesidade de incluír os centros privados concertados nas decisións que afecten directamente ás ratios e á xornada lectiva durante a tramitación do proxecto de lei.
CCOO Ensino consideramos que defender o persoal do ensino concertado é defender tamén a educación sostida con fondos públicos. En Galicia, arredor do 30% do alumnado está escolarizado na concertada, e todo o alumnado merece a mellor educación posible, independentemente da titularidade do centro no que estude.
A equiparación salarial, a redución da carga lectiva e a estabilidade laboral son reivindicacións fundamentais para dignificar o traballo das persoas que fan posible a educación día a día. Mellorar as súas condicións é mellorar a calidade educativa.
A aprobación do proxecto de lei en tramitación sería un avance importante para as condicións laborais das traballadoras e traballadores dos centros sostidos con fondos públicos, sempre que inclúa tamén o ensino concertado.

