CCOO queremos acadar condicións laborais dignas para o sector e instamos á patronal e ás outras organizacións sociais a non quedar atrás.
Desde CCOO, sindicato maioritario na Mesa Negociadora do Convenio Colectivo de Centros de Asistencia e Educación Infantil, seguimos defendendo e reivindicando o recoñecemento do labor que realizan as traballadoras do sector.
Por iso, ante a falta de avances reais e de melloras nas condicións laborais para garantir unhas condicións dignas, en CCOO non asinamos o último Convenio Colectivo do sector.
Todas estas traballadoras, que continúan desenvolvendo un labor esencial para a sociedade, non están a recibir un recoñecemento acorde á importancia do seu traballo, mantendo unhas condicións laborais precarias tanto en salarios como en xornada e dereitos.
O próximo 17 de abril está convocada unha reunión da Mesa Negociadora exclusivamente para actualizar o SMI. Aínda así, volveremos insistir na nosa posición firme de poñer en valor e recoñecer o traballo que realizan. Desde o sindicato imos solicitar, pola vía de urxencia, unha ampliación da orde do día para abordar a insostibilidade da situación salarial das traballadoras do sector.
Desde CCOO reiteramos que o Convenio Colectivo deixou de lado as demandas históricas do colectivo, ignorando a súa contribución clave na educación e no coidado da infancia, e perpetuando a situación de vulnerabilidade das traballadoras.
Ademais, cómpre engadir que a fragmentación do sistema é un problema estrutural no primeiro ciclo de Infantil (0-3), un sistema no que conviven entre 10 e 12 modelos de centro distintos, cada un cun convenio e unhas condicións laborais diferentes.
Isto supón circunstancias distintas, segundo sexa a súa xestión, para unha mesma traballadora:
- No ámbito dos centros privados: depende das condicións do convenio estatal, como base mínima.
- Escolas de centros de xestión indirecta: tendo o convenio estatal como referencia, están reguladas por licitacións de concellos e/ou comunidades autónomas.
- Escolas de centros de xestión pública: dependen da regulación das condicións públicas.
Isto provoca:
- Desigualdade salarial.
- Diferenzas de ratios e de calidade.
- Dificultade para crear unha rede coherente.
CCOO realizamos accións constantes, mobilizacións, paros e folgas no sector, e continuamos loitando contra unha situación que relega as traballadoras a cidadás de segunda clase. Tentaremos, unha vez máis, acadar as melloras que corresponden ao labor educativo que realizan e ao recoñecemento profesional que durante tanto tempo se lles negou.

