Un ano sen Belén. Pola súa memoria, pola nosa seguridade

Como parte da conmemoración en Ferrol do 10 de marzo, día da clase obreira galega, CCOO Ensino limos o seguinte manifesto en homenaxe á nosa compañeira Belén, asasinada fai un ano mentres traballaba nun centro de menores de Badaxoz.

Hoxe fai un ano que o silencio se apoderou de nós. Hoxe fai un ano que a vida da nosa compañeira Belén, auxiliar técnica educativa, foi cernada mentres cumpría co seu labor nun centro de menores de Badajoz. Un ano despois, a dor da súa familia, das súas amizades e dos seus compañeiros e compañeiras segue sendo a nosa. Desde CCOO, queremos que o primeiro que se escoite hoxe sexa o nosa aperta máis cálida e a nosa solidariedade inquebrantable para todos eles.

Pero hoxe non estamos aquí só para recordar. Estamos aquí para denunciar. Porque a morte de Belén non foi un accidente. Non foi unha volta do destino. Foi o resultado tráxico e evitable dun sistema que antepón o aforro económico á vida das persoas.

A precariedade que mata

Aquel 9 de marzo de 2025 quedou ao descuberto unha realidade que desde este sindicato levamos anos advertindo: a neglixencia administrativa e a precariedade laboral extrema no sector da protección e a reforma de menores.

Belén estaba soa. Soa nunha quenda de noite, fronte a unha situación de alta complexidade que ningún traballador ou traballadora debería afrontar sen apoio. Estaba soa porque as licitacións «á baixa» da Xunta das Administracións públicas impoñen cadros de persoal mínimos e recursos insuficientes. Estaba soa porque a Administración externaliza servizos esenciais a empresas que gañan concursos prometendo gastar menos, aínda que ese «aforro» se pague con falta de seguridade, formación deficiente e protocolos obsoletos.

O lucro non pode estar por riba da vida

É intolerable que se sigan adxudicando contratos a empresas que non cumpren co convenio colectivo nin coa Lei de prevención de riscos laborais. Cando a Administración pública permite que os servizos públicos se convertan nun negocio de ratios imposibles, vólvese cómplice da traxedia.
Non se pode protexer os menores se non se protexe a quen os coida. Non se pode falar de «reinserción» ou «protección xurídica» mentres se incumpren por sistema as normativas de seguridade máis básicas.

As nosas esixencias: nin un paso atrás

Un ano despois, todo segue igual. Desde CCOO esiximos realidades:

  • Fin das licitacións á baixa: esiximos a revisión inmediata dos pregos de contratación. Nunca máis o criterio económico debe primar sobre a seguridade.
  • Auditorías reais: inspeccións exhaustivas en todos os centros para garantir que non existen ratios imposibles e que ningún traballador ou traballadora volva estar en situación de desamparo.
  • Protocolos de seguridade: análises rigorosas do perfil dos menores e medidas de actuación claras ante calquera indicio de risco.

Belén, na nosa memoria

Compañeira Belén: hoxe o teu nome é a nosa bandeira. Non imos permitir que o teu sacrificio caia no esquecemento nin que se arquive como un suceso máis. A túa morte deixou espidas as vergonzas dun sistema que debe cambiar de raíz.
Desde CCOO dicímolo alto e claro: queremos traballo digno e seguro. Non nos valen máis escusas, porque cando a precariedade se instala nos nosos centros de traballo, o prezo que pagamos é a vida.

Por Belén! Pola dignidade das traballadoras e traballadores do sector!

Nin unha morte máis no traballo!