Toda a información da mesa sectorial do concurso de direccións 2025/26

No día de hoxe, 10 de marzo de 2026, celebrouse a mesa sectorial docente non universitaria.

Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:

Orde do concurso de direccións 2025/26

  • Elección da dirección pola comunidade educativa: seguimos defendendo que sexa o Consello Escolar, como máximo órgano de representación da comunidade educativa, quen elixa a dirección do centro.
  • Aplicación a todos os centros públicos: a orde debería incluír todos os centros da rede pública, evitando que nos CIFP a dirección continúe sendo designada directamente polos departamentos territoriais, sen participación da comunidade educativa.
  • Formación directiva despois do proceso: propoñemos modificar o requisito de ter realizado previamente o curso de función directiva. A LOMLOE (art. 135.6) permite realizalo despois de superar o concurso, o que ampliaría o número de persoas que poden presentarse.

    Comprométense a estudialo para o curso que vén.
  • Artigo 2.d): deben poder optar á dirección tamén
    • docentes en comisión de servizos noutra comunidade autónoma
    • e docentes que ocupan praza no exterior no seu último ano antes de regresar a Galicia.
  • Artigo 3.2: solicitamos que se poida presentar proxecto a un maior número de centros, dada a dificultade actual para cubrir direccións.
  • Artigo 3.3: o proxecto de dirección debería poder consultarse durante todo o horario de apertura do centro.
  • Artigo 5: a sede de actuación da Comisión de selección debe ser o propio centro educativo, evitando desprazamentos innecesarios ao departamento territorial.
  • Artigo 7.5: a cualificación outorgada polos membros da comisión deben emitirse por escrito e de forma secreta, para garantir a independencia das valoracións.
  • Artigo 10.2: tamén debe pronunciarse o Claustro sobre a continuidade do director ou directora.
  • Artigo 11: cando non sexa posible cubrir a dirección por concurso de méritos, a Administración pode facer nomeamentos extraordinarios, pero propoñemos que se poida abrir a posibilidade de elixir unha nova dirección ao cabo dun curso se aparece unha candidatura voluntaria e a persoa nomeada non desexa continuar. Por outra banda, a Administración debería evitar nomear persoas que conten co rexeitamento dos representantes do centro ou que teñan sancións penais ou disciplinarias relacionadas co centro.
  • Cuestión non recollida na orde: é necesario regular o nomeamento accidental doutra persoa nos casos de baixas prolongadas da dirección ou doutros membros do equipo directivo, con recoñecemento económico e administrativo.
  • Cuestión non recollida na orde: tamén hai que dar solución ao exercicio do dereito a permisos, licenzas e baixas de curta duración das persoas responsables de centros unitarios.

BAREMO

  • Apartado 2.1: consideramos que deben incluírse os servizos prestados como responsables de centros de menos de tres unidades, xa que estas persoas desenvolven na práctica as mesmas funcións que directores e directoras, asumindo ademais o conxunto de coordinacións e dinamizacións do centro.
  • Apartado 2.6: solicitamos que tamén puntúen de maneira expresa a coordinación de E-Dixgal, a coordinación de Polos Creativos e a coordinación de Convivencia e Benestar.
  • Apartado 2.3: pedimos a retirada deste subapartado, xa que non compartimos que se valore no baremo o desempeño dunha subdirección ou xefatura de servizo en postos da Administración educativa, do mesmo xeito que xa vimos defendendo no Concurso Xeral de Traslados.
  • Apartado de méritos académicos: reclamamos que se inclúa de forma específica o Mestrado de Dirección, que xa se imparte desde hai anos nalgunhas universidades, como a UDC, e que debe ser recoñecido como mérito baremable.
  • Apartado de cursos de formación: consideramos que tamén deben valorarse os cursos relacionados coa prevención de riscos laborais.

Rolda final de intervencións

Ademais do punto principal da orde, desde CCOO Ensino trasladamos á Administración varias cuestións que afectan ás condicións laborais do profesorado e ao funcionamento do sistema educativo:

  • Protocolo de acoso laboral: a Xustiza volveu condenar recentemente á Consellería por non dispor dun protocolo específico para o profesorado e impedir que dúas afiliadas de CCOO se acolleran ao protocolo xeral da Xunta. Reclamamos que se convoque de inmediato a comisión negociadora do Plan de Igualdade para retomar a negociación do protocolo de acoso laboral para o persoal docente, paralizado sen xustificación. Mentres non exista un protocolo propio, debería aplicarse de forma supletoria o protocolo do persoal da Xunta de Galicia.


    Convocarannos de forma urxente a semana próxima.

  • Seguridade e saúde laboral: solicitamos novamente a convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral e que a Consellería cumpra coa súa obriga de realizar medicións de radón en todos os centros educativos, pendentes desde o pasado mes de maio. Tamén pedimos que Lugo se constitúa canto antes o seu comité provincial, único que aínda non está creado.

    Trasládanllo ao departamento territorial de Lugo.

  • Implantación do novo sistema de FP: tras o anuncio da aprobación do Decreto de FP, pedimos aclaracións urxentes á Dirección Xeral de Formación Profesional sobre os problemas que están xurdindo na fase de formación en empresa, especialmente no alumnado de segundo curso. Como xa advertimos, están aparecendo dificultades como falta de empresas colaboradoras, negativas a acoller alumnado ou abandono do compromiso formativo. Reclamamos instrucións claras para centros e profesorado, máis desenvolvemento normativo do decreto e unha dotación horaria axeitada para o profesorado que debe xestionar a formación en empresa e titorizar os módulos de Proxecto.

    Trasládanllo á subdirección correspondente.

  • Centros de especial dificultade: lembramos que en mesas anteriores a Administración aceptou actualizar a orde que regula os centros e postos de especial dificultade. Solicitamos que o novo texto pase canto antes pola Mesa Sectorial.

    Farán unha actualización o antes posible.

  • Retribucións de tribunais de oposicións: denunciamos que, a día de hoxe, aínda hai integrantes de tribunais do último proceso selectivo que non cobraron as retribucións que lles corresponden. Esiximos que estes pagamentos se realicen de inmediato.

    Onte resolveuse o problema. Van cobrar este trimestre.