As vivendas para mestres e mestras dos colexios públicos están reguladas por unha normativa obsoleta que provoca todo tipo de arbitrariedades na súa xestión e concesión por parte da Administración. Isto é, precisamente, o que está ocorrendo coas vivendas de mestres e mestras do CEP de Sabarís, que levan anos ocupadas de xeito irregular por persoas que xa non están en activo e ue teñen outras propiedades no propio Concello de Baiona, mesmo a escasos metros do localización as vivendas públicas. Esta circunstancia provoca que mestras e mestres en activo, con destino definitivo no propio centro, con dereito lexítimo a dispoñer dunha desas vivendas, teñan que estar pagando un aluguer ou buscar outras solucións habitacionais nunha zona tensionada como o Val Miñor.
O dereito a casa-habitación de mestres e mestras recoñécese no Estatuto do Maxisterio, dos anos 40, e foi obxecto de diferentes regulacións tanto estatais como autonómicas que especifican o procedemento de adxudicación, que corresponde á Administración educativa, e a propiedade e conservación, que corresponde ás entidades locais. Pois ben, resulta claro que, no caso das vivendas do CEP de Sabarís, é o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional quen ten que adxudicar as vivendas aos mestres e ás mestras da localidade, tendo en conta os criterios obxectivos para a súa concesión, mentres que é o Concello e Baiona quen ten a obriga de garantir a habitabilidade das vivendas por parte dos mestres e das mestras.
Xa que logo, dende o Sindicato Comarcal das CCOO en Vigo, denunciamos a situación arbitraria na adxudicación e xestión das vivendas de mestras e mestres do CEP de Sabarís que, tanto dende a Consellería como dende o propio Concello de Baiona, impiden, dende hai dous cursos, que mestras e mestres con destino no devandito centro, poidan, neste momento, facer uso delas.
Dende a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional eluden asumir responsabilidades e responsabilizan a Administración local da situación, pois, segundo nos informaron, xa requiriron as persoas que ocupan irregularmente as devanditas vivendas para que as abandonasen. Pola contra, dende esta organización sindical solicitamos unha xuntanza co señor Alcalde de Baiona, don Jesús Vázquez Almuíña, para tratar de artellar unha solución, mais nin sequera tivo a xenerosidade de nos contestar.
En CCOO entendemos que se trata dunha situación intolerable, polo que esiximos que tanto a Consellería como o Concello de Baiona abandonen a súa actitude neglixente e procuren solucións inmediatas para que, como moi tarde a principio do cursos 2025-2026, as mestras e mestres con destino no CEP de Sabarís poidan dispoñer das vivendas do devandito centro. Dende esta organización sindical desenvolveremos todas cantas medidas estean na nosa man para garantir o dereito do profesorado do ensino público a poder vivir nas casas de mestres e mestras, máis alá de actuacións inxustas e improcedentes da Administración.

