A USC COMENZA O PROCESO DE NOTIFICACIÓN DO ENCADRAMENTO E ACCESO AOS GRAOS DA CARREIRA HORIZONTAL 

Con algunha semana de retraso sobre o prazo máximo previsto, a USC comezará estes días a realizar as notificacións individualizadas polas que se resolve o encadramento do persoal funcionario e laboral nos graos da Carreira Horizontal que solicitaramos no mes de xaneiro.

Este trámite supón un novo paso no desenvolvemento do Acordo para o recoñecemento da totalidade dos graos da Carreira ao PAS da USC que asinamos en decembro pasado. Todas as persoas que cumpran os requisitos de antigüidade e formación establecidos verán recoñecidos estes días os graos da carreira que lle corresponden, segundo a súa antigüidade na USC.

O seguinte paso será xa o ingreso en nómina das cantidades que correspondan a cadaquén. Tendo en conta o período de vacacións, agardamos que eses pagamentos se fagan efectivos á volta do verán; o que significará un avance decisivo na mellora das condicións laborais, con unha importante repercusión económica nos salarios consolidados da plantilla do PAS da USC. 

Todas as persoas percibirán como mínimo o 40% do importe que lle corresponda pola totalidade da súa carreira. As persoas que teñan só o grao I continuarán percibindo o 100% da súa carreira. As que acaden só o grao II, manteranse de momento no 50%. Como xa se ten anunciado, os efectos económicos serán de 1 de xaneiro de 2025.

Segundo se estipula no acordo, tamén á volta do verán se abrirá a negociación dun segundo tramo: de mellora adicional nas porcentaxes a percibir polo total da carreira, con efectos económicos igualmente de xaneiro de 2025, e para concretar o avance nas porcentaxes que se deberán pagar en 2026.

Os complementos retributivos, de cada un dos graos recoñecidos agora, terán os mesmos importes que na administración autonómica, ou os que xa se están percibindo na USC para o grao I. É dicir, ao acadarse o 100% da carreira, quen teña 2, 3 ou 4 graos poderá multiplicar eses importes polo número de graos recoñecidos que lle correspondan.

Como xa temos dito, os membros da sección sindical de CC.OO sentímonos pois moi contentos e satisfeitos de que, a pesar das incomprensións e dificultades, sexamos a primeira, e polo momento única, universidade galega (moi poucas a nivel estatal) na que se implantan  e se desenvolven as retribucións por carreira horizontal para o PAS; o que nos permite demostrar a utilidade do traballo sindical de CC.OO e das nosas propostas para facer avanzar os intereses do persoal da USC.

Sección sindical de CC.OO, o poder de cambiar as cousas.