Rolda de prensa conxunta previa á mobilización do ensino concertado de mañá, 26 de xuño

Este mércores, 25 de xuño, os sindicatos FSIE, UGT-SP, CCOO, FEUSO e SNEP comparecemos en rolda de prensa para denunciar o continuo abandono e desprezo da Xunta de Galicia cara ao colectivo de traballadoras e traballadores deste sector.

A mobilización convocada para mañá, xoves 26 de xuño, ás 11:30 h fronte á Consellería de Educación (San Caetano, Santiago), busca visibilizar a grave situación de bloqueo que padece o ensino concertado en Galicia, sen avances reais dende hai anos.

Xubilación parcial: un acordo que durou só sete meses

Na rolda de prensa, puxemos o foco no recente incumprimento da Xunta en relación co Acordo de xubilación parcial asinado en agosto de 2024. A súa vixencia, prevista para cinco anos, quedou anulada tras a aprobación do Real Decreto Lei 11/2024, rematando de facto o pasado 31 de marzo.

Agora, a Xunta presenta unha proposta regresiva que reduce o dereito a só un ano antes da xubilación ordinaria, exclúe parte do profesorado e impón condicións case imposibles de cumprir. Un auténtico retroceso que condena a moitas persoas a non poder acollerse a esta modalidade de xubilación.

PEA: unha débeda histórica e inxustificada

Outro dos temas centrais foi o impagamento da Paga Extraordinaria de Antigüidade (PEA) desde o ano 2010. Galicia é a única comunidade do Estado que mantén vetado este dereito recoñecido por convenio colectivo e avalado por sentenzas xudiciais. A débeda acumulada rolda os 40 millóns de euros.

Homologación, carga lectiva e PAS: ningunha vontade de avanzar

Desde os sindicatos tamén denunciamos a falta total de avances en materia de homologación salarial co ensino público, a negativa a reducir a carga lectiva e a exclusión do PAS do sistema de pagamento delegado.

A Xunta mantén unha actitude de bloqueo sistemático, escudándose en cuestións orzamentarias mentres continúa destinando fondos a outras prioridades. As condicións laborais do ensino concertado están sendo deliberadamente ignoradas.


📌 Mañá, xoves 26 de xuño, ás 11:30 horas, convocamos unha concentración fronte á Consellería de Educación, en San Caetano (Santiago de Compostela), para reclamar acordos dignos e respecto aos dereitos laborais do ensino concertado.