Na reunión da comisión permanente do Consello Galego de Formación Profesional celebrada hoxe, analizáronse as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa.
Adicionalmente, desde CCOO instamos á Consellería de Educación a tramitar con urxencia a normativa autonómica necesaria para o desenvolvemento das ensinanzas de Formación Profesional en Galicia durante o curso 25-26 e posteriores.
Proxecto de ORDE do xx de xxxxx de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2025-2026 (código de procedemento TR302D)
En relación á orde que regula as axudas Bonos Talento Empresas desde CCOO remitímonos ás consideracións formuladas no respectivo ditame no Consello Galego de Relacións Laborais como adoitamos facer cando se produce antes deste Consello.
Ditame 6/2025 sobre os Bonos Talento Empresa
Non obstante, queremos reiterar que non compartimos que as axudas que teñen por obxecto subvencionar actuacións formativas se desagreguen en diferentes ordes que non responden a un plan definido e moito menos as contías das subvencións que superan os módulos económicos previstos para o financiamento doutras actuacións formativas da Consellería de Emprego.
Por último, sinalar que a Xunta debe ser esixente co cumprimento da normativa en materia de igualdade entre mulleres e homes e establecer un sistema para avaliar se a formación impartida cumpriu as expectativas do alumnado.
Rolda de intervencións:
As Comisións Obreiras instamos á Consellería de Educación e, concretamente á Dirección Xeral de Formación Profesional, á tramitación con urxencia da normativa autonómica necesaria para o desenvolvemento das ensinanzas de Formación Profesional en Galicia durante o curso 25-26 e posteriores.
Non é de recibo que estando xa a mediados do mes de maio, non coñezamos aínda ningunha proposta oficial respecto da normativa que debe regular a FP a partir do curso que vén. Concretamente demandamos o paso polos órganos necesarios do borrador de Decreto pertinente, xa que neste caso non pode atribuírselle o retraso na tramitación á tardanza por parte do Ministerio.
Toda a normativa debe pasar por unha comisión de revisión xurídica, na que leva xa un par de meses. Ademais, a finais de marzo ditouse unha sentenza do Tribunal Constitucional por conflicto de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas na alcance do Real Decreto 659/2023, de 18 de julio, por el que se desarrolla la ordenación del Sistema de Formación Profesional.
Ante esta situación, diversas comunidades autónomas non teñen previsto aprobar o Decreto de FP para o curso que vén e esa posibilidade tamén está contemplada no caso de Galicia, xa que existen diversas discrepancias entre o Decreto 659/2023 e a propia Ley Orgánica 3/2022, de 31 de marzo, de ordenación e integración de la Formación Profesional.
Desde CCOO destacamos a falta de transparencia e información pública que está habendo na preparación do sistema galego de Formación Profesional para o curso 25-26. Esta falta de información e incerteza só contribúe a un incremento do malestar entre o profesorado galego e nos propios equipos directivos de centros con ensinanzas de FP.
A información estase trasladando directamente aos centros educativos e facendo moito fincapé naqueles aspectos que aínda non son definitivos e que poderían sufrir modificacións pola falta de claridade ao respecto na normativa estatal. Se non se lle dá publicidade é por non confundir ao conxunto da comunidade educativa con normativa ou instrucións que sexa preciso modificar posteriormente e con carácter previo ao inicio do curso 25-26.
En canto sexa posible, pasarase polos órganos que marca a lexislación (Consello Escolar de Galicia, Consello Galego de FP, Mesa Sectorial, etc.) tanto a oferta formativa para o curso que vén como a posible normativa a aprobar.
Estas incertezas maniféstanse en queixas sobre o detalle de certos módulos: a atribución docente dos de idiomas estranxeiros, a posibilidade de solicitar seccións bilingües nalgúns deles, a distribución horaria dos mesmos, a falta de información sobre os módulos optativos, etc.
Desde a Dirección Xeral de FP indican que os módulos de linguas estranxeiras manterán a atribución docente que se viña empregando ata o de agora en Galicia (profesorado de módulos profesionais con certificación de nivel C1 -preferentemente- ou B2); tamén que se estiveron resolvendo as dúbidas sobre módulos optativos que recibiron desde os centros educativos, así como sobre o reparto horario de módulos.
Tamén fixemos fincapé na preocupación pola falta de empresas ou organismos asimilados para a formación do alumnado de Formación Profesional.
Desde a DXFP afirmouse que non está habendo problemas de falta de empresas senón, máis ben, que sería preciso dispoñer de máis alumnado en determinados sectores, xa que as empresas non atopan xente suficiente para atender a carga de traballo existente. Ademais, séguense asinando convenios de colaboración con novas empresas.
Sendo coñecedores da situación de alta demanda de persoas traballadoras en determinados sectores, desde CCOO indicamos que esperamos trabucarnos, mais cremos que se aveciña un serio problema para atopar empresas ou organismos asimilados nas que o alumnado de primeiro curso e, sobre todo, segundo curso vaian poder formarse o curso que vén. Mesmo este ano houbo propostas de FP Dual que se anularon (en opinión da DXFP, por falta de alumnado matriculado). Isto revela deficiencias á hora de adaptar a oferta de FP Dual (plan vello) á realidade de determinadas poboacións ou comarcas.
Relacionado con estas situacións, demandamos da Consellería unha solución para aqueles casos nos que a demanda de prazas públicas de Formación Profesional supera amplamente a oferta por mor da limitación para autorizar novas liñas. Estes casos amosan as carencias da FP galega onde a privatización, ou mesmo o concerto desta etapa educativa, ameaza claramente o futuro do ensino público e de calidade de Formación Profesional.
Por último, desde CCOO instamos á DXFP, e á Consellería de Educación no seu conxunto, a tomar en consideración a imperiosa necesidade de titorizar ao alumnado durante a súa estancia nas empresas ou organismos asimilados. A cantidade de tarefas, trámites e visitas a realizar debe necesariamente verse reflictida na asignación horaria para este traballo dentro das horas lectivas do profesorado.

