Na CARTA enviada esta mañá afirma que, en función das indicacións das autoridades sanitarias, logo de que finalice o novo período de estado de alarma, se non se puideren desenvolver con normalidade e garantías para a saúde de todas as persoas participantes, procederán a revisar os prazos.
CCOO-Ensino insta a Consellería a tomar xa unha decisión, e non manter na incerteza o persoal opositor, que ve prolongada a toma de decisións con cada prórroga do estado de alarma, nunha mostra máis da actitude errática —pois anunciaron un adiamento no caso de haber unha prorroga— e a desconsideración co persoal da que está a facer gala esta Consellería durante esta crise sanitaria.
CCOO-Ensino entende que a decisión firme debe ser comunicada non máis aló de mediados de mes. Facelo de modo máis tardío pode carrear problemas de inseguridade xurídica.

