Carta aberta da Federación de Ensino de CCOO á conselleira de Educación

Señora conselleira:

Recibimos a carta que vostede enviou a todo o profesorado de Galicia agradecendo o noso labor nesta crise e sorpréndennos varias das reflexións que fai e que nos gustaría comentarlle.

En primeiro lugar, desde CCOO pensamos que non é necesario que nos saúde persoalmente a todas e todos. Sería suficiente con que prestase atención ás necesidades do ensino público e reflexionase sobre as carencias que sofre a comunidade educativa despois de todos os recortes dos pasados anos.

Así mesmo, pensamos que poñéndose en contacto cos representantes dos traballadores do ensino –de todos, non só dos docentes– podería ter unha visión máis realista e menos idílica da situación de impotencia que nos invade. Lamentablemente, vostede sempre rexeitou calquera xuntanza coa representación dos traballadores. 

Nunha situación nova e tan complexa como a que estamos a vivir, requírese achegar solucións moi diversas adaptadas ás distintas realidades. É preciso que as Administracións educativas lideren este reto, pero sempre coa participación de toda a comunidade educativa. 

En CCOO coñecemos a situación da Galicia máis dispersa, moi lonxe do 4G, na que vive moito alumnado e profesorado. A chamada fenda dixital causada por unha mesquiña política económica liberal levada a cabo polo gobernos conservadores nos últimos tempos. 

Tamén coñecemos outros escenarios onde familias en situación precaria, xa dende a anterior crise, apenas poden suplir a comida do comedor escolar, polo tanto, pouco saben de fibra óptica, tabletas e impresoras; esta fenda económica acentúa a falta de equidade do noso sistema educativo. Non se soluciona coa distribución de tres equipos informáticos por centro educativo de secundaria, medida que semella ser máis un obxectivo  electoralista que a busca dunha saída á problemática que se vive nas familias.

Na carta tamén se dá por suposto que a nosa formación e medios son os ideais para enfrontarnos a este reto. Moitos poñemos vontade, case ousadía voluntariosa de tropezón en tropezón, pero a impotencia séntese en solitario.

Non necesitamos gabanzas edulcoradas nin eloxios fóra de ton, que poderían alterar os niveis de glucosa en sangue; sobre todo cando, agora sí, se acorda da atención á diversidade esquecendo os recortes de persoal de cada principio de curso. Se estando na aula os recursos son escasos, imaxínese agora.

Esperamos que o noso alumnado sexa consciente das desigualdades socioeconómicas do país en que vive e observe como se agrandan a pasos axigantados. E, como consecuencia, sinta, coñeza e faga seu o valor da solidariedade.

Pese a todo, pese ás incertezas sobre o terceiro trimestre, sobre a selectividade… non dubide que dende CCOO seguimos apostando polo diálogo con vostede e o seu equipo; porque hai problemas, non o dubide. 

Un saúdo

Santiago, 7 de abril de 2020

Luz López Pérez