CCOO-Ensino esixe á Consellería que tome unha decisión inmediata sobre o mantemento ou aprazamento da oferta de emprego público

O día 31 de marzo a Consellería anunciou que só se manterían os procesos selectivos de acceso á función publica docente de levantarse o estado de alarma o día 11 de abril. Tan só unha semana despois e xa coñecendo a prórroga do mesmo, como mínimo ata o día 26, a Conselleira cambia de criterio e anuncia que  aínda así se mantén o proceso selectivo. É inadmisible.

CCOO-Ensino denuncia a irresponsabilidade da Consellería de Educación con respecto aos anuncios que ven facendo. Semella que é máis importante seguir en campaña electoral que xestionar de forma acaída as políticas de persoal.

Na actual situación de confinamento e incertidume sobre cando poida rematar este, toda a sociedade vive situacións emocionais complexas, que no caso do persoal opositor vese agravado polos bandazos informativos da Conselleira.  As e os aspirantes necesitan certidume para poder preparar as oposicións. 

A posición de CCOO é moi clara:

 Defendimos unha decisión consensuada en todo o estado.

 De non celebrarse o proceso selectivo neste ano, esiximos a blindaxe do número de prazas ofertadas, que se sumarían ás da seguinte convocatoria.    

 Se a Consellería decide celebrar as oposicións este verán deben garantirse as seguintes premisas:

  • Aval das autoridades sanitarias.
  • Garantías de seguridade: Locais que permitan manter as distancias recomendadas e sen grandes aglomeracións o que requriria o incremento de número de tribunais, material desinfectante e de autoprotección…)
  • De non poder garantir as condicións anteriores, deben aprazarse os procesos selectivos.

 

CCOO-Ensino esixe á Conselleira unha decisión urxente sobre a celebración do proceso selectivo,  que debe ser coñecida como moi tarde a mediados deste mes. Porén todas as organizacións sindicais con representación na mesa, acabamos de solicitar á Consellería a convocatoria urxente dunha mesa sectorial para tratar este tema.