O curso “Transformar para educar: normativa, organización e innovación educativa en Secundaria” ofrece unha visión práctica e actualizada do marco normativo, organizativo e pedagóxico dos centros de Educación Secundaria en Galicia.
Ao longo da formación abordaranse a organización e funcionamento dos institutos, a documentación oficial dos centros, a xestión dos tempos escolares, os principais protocolos educativos, a atención á diversidade, os plans e programas da Consellería e as metodoloxías e sistemas de avaliación aplicables á ESO e ao Bacharelato.
A actividade está homologada pola Consellería.
Información básica do curso
- Modalidade: teleformación a través de Moodle
- Duración: 50 horas
- Datas: do 15 de marzo ao 25 de abril de 2027
- Prazas: 50
- Persoa titora: Borja Campos
- Custo: de balde para persoas afiliadas a CCOO / 100 € para persoas non afiliadas
Como funciona o curso?
O curso é asíncrono, cun funcionamento similar ao dos cursos que organiza a Consellería a través de FPROFE, pero na plataforma de teleformación de CCOO Ensino. Isto significa que non tes que conectarte en días ou horas concretas para seguir o curso: en cada módulo terás dispoñibles os materiais e as actividades correspondentes, que poderás realizar organizando o tempo segundo a túa dispoñibilidade.
De cara ao recoñecemento do curso por parte da Consellería, lembra que non se pode realizar simultaneamente máis dun curso en rede, tal e como se establece no artigo 17.1.g da Orde do 14 de maio de 2013, que regula o recoñecemento e certificación das actividades de formación permanente do profesorado.
Inscrición
Para solicitar praza, enche o seguinte formulario:
Cubrir o formulario serve para solicitar unha praza no curso. Como as prazas son limitadas, adxudicaranse por orde de inscrición.
A mediados de febreiro contactaremos por correo electrónico coas persoas admitidas para indicarlles como formalizar a matrícula. Tamén comunicaremos por correo electrónico, se é o caso, a situación das persoas que queden en lista de agarda.
As comunicacións enviaranse desde formacion.ensino@galicia.ccoo.es. Recomendámosche que engadas este enderezo aos teus contactos ou que crees un filtro no teu correo para evitar que as mensaxes poidan chegar á carpeta de spam.
Guía do curso
A guía do curso está actualmente en elaboración e estará dispoñible proximamente nesta mesma páxina, coa distribución dos módulos, as actividades, a metodoloxía e os criterios de avaliación.
Obxectivos
- Coñecer e interpretar a lexislación educativa vixente en Galicia aplicable aos centros de Educación Secundaria.
- Comprender a estrutura organizativa dos centros docentes e o papel dos órganos de goberno, coordinación docente, departamentos didácticos, titorías e demais figuras de xestión e participación.
- Analizar os principais protocolos de actuación nos centros de Secundaria, especialmente os relacionados coa convivencia, o absentismo, o acoso escolar, a protección de datos, a atención á diversidade e a orientación educativa.
- Actualizarse nos plans, programas e proxectos impulsados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que teñen impacto na organización dos centros e na práctica docente.
- Reflexionar sobre as tendencias actuais en metodoloxía educativa, innovación pedagóxica e transformación dixital no ensino secundario.
- Identificar e aplicar medidas de atención á diversidade desde unha perspectiva inclusiva, tendo en conta a realidade da ESO e do Bacharelato.
- Integrar os principios da avaliación formativa e competencial nas prácticas docentes, de acordo co marco curricular vixente.
- Utilizar con rigor técnico e pedagóxico a documentación oficial do centro e da aula: proxecto educativo, normas de organización e funcionamento, programacións didácticas, plans de acción titorial, documentos de avaliación e outros instrumentos de planificación docente.
- Favorecer unha práctica docente coordinada, reflexiva e adaptada ás necesidades do alumnado adolescente e á realidade organizativa dos centros de Educación Secundaria.
Contidos
- Marco legal e curricular vixente aplicable aos centros de Educación Secundaria, con especial atención á ESO e ao Bacharelato.
- Organización dos institutos: órganos de goberno e coordinación docente, departamentos didácticos, comisión de coordinación pedagóxica, equipos docentes, titorías, Departamento de Orientación e documentos de centro.
- Documentación oficial e planificación educativa: proxecto educativo, normas de organización e funcionamento, plan de acción titorial, programacións didácticas, concreción curricular, PXA e outros documentos de planificación e seguimento.
- Xestión do tempo escolar e organización da actividade docente: horarios do profesorado e do alumnado, distribución de materias, optatividade, agrupamentos, coordinación entre departamentos e uso das linguas na actividade educativa.
- Análise e aplicación dos principais protocolos educativos da Consellería.
- Atención á diversidade: medidas ordinarias e extraordinarias, reforzo educativo, adaptacións curriculares, programas específicos, avaliación psicopedagóxica, orientación académica e profesional e coordinación cos principais axentes educativos.
- Plans, programas e proxectos da Consellería como ferramentas de mellora educativa e dinamización da vida escolar.
- Metodoloxías e avaliación: enfoques innovadores na práctica docente e avaliación formativa e competencial.
- A función docente en Secundaria: traballo en equipo, coordinación pedagóxica, acompañamento titorial, relación coas familias e resposta ás necesidades educativas e sociais do alumnado adolescente.

