Presente e futuro: a memoria de prácticas 2026/27

O curso “Presente e futuro: a memoria de prácticas” está pensado para acompañar o novo funcionariado docente durante a elaboración da memoria que debe presentar ao remate da fase de prácticas.

A través dunha formación práctica e progresiva, irás construíndo a memoria paso a paso: desde a súa estrutura e a contextualización do centro ata a descrición da actividade docente, a valoración global da experiencia e os aspectos formais do documento. O curso tamén aborda cuestións vinculadas á propia fase de prácticas, como as obrigas administrativas, MUFACE ou a participación no concurso de traslados.

A actividade está homologada pola Consellería.

Información básica do curso

  • Modalidade: teleformación a través de Moodle
  • Duración: 30 horas
  • Datas: do 7 ao 31 de xaneiro de 2027
  • Prazas: 50
  • Persoa titora: Sarai Rodríguez Iglesias
  • Custo: de balde para persoas afiliadas a CCOO / 60 € para persoas non afiliadas

Como funciona o curso?

O curso é asíncrono, cun funcionamento similar ao dos cursos que organiza a Consellería a través de FPROFE, pero na plataforma de teleformación de CCOO Ensino. Isto significa que non tes que conectarte en días ou horas concretas para seguir o curso: en cada módulo terás dispoñibles os materiais e as actividades correspondentes, que poderás realizar organizando o tempo segundo a túa dispoñibilidade.

De cara ao recoñecemento do curso por parte da Consellería, lembra que non se pode realizar simultaneamente máis dun curso en rede, tal e como se establece no artigo 17.1.g da Orde do 14 de maio de 2013, que regula o recoñecemento e certificación das actividades de formación permanente do profesorado.

Inscrición

Para solicitar praza, enche o seguinte formulario:

👉 Formulario de inscrición

Cubrir o formulario serve para solicitar unha praza no curso. Como as prazas son limitadas, adxudicaranse por orde de inscrición.

A principios de decembro contactaremos por correo electrónico coas persoas admitidas para indicarlles como formalizar a matrícula. Tamén comunicaremos por correo electrónico, se é o caso, a situación das persoas que queden en lista de agarda.

As comunicacións enviaranse desde formacion.ensino@galicia.ccoo.es. Recomendámosche que engadas este enderezo aos teus contactos ou que crees un filtro no teu correo para evitar que as mensaxes poidan chegar á carpeta de spam.

Guía do curso

Na guía do curso podes consultar con máis detalle a organización da formación, a distribución dos módulos, as actividades, a metodoloxía e os criterios de avaliación.

👉 Consultar a guía do curso

Obxectivos

  • Acompañar o profesorado en prácticas na elaboración progresiva e guiada da memoria final.
  • Favorecer a comprensión das obrigas, trámites administrativos e aspectos normativos vinculados á fase de prácticas.
  • Potenciar a reflexión crítica e profesional sobre a propia experiencia docente.

Contidos

O curso estrutúrase en seis módulos, máis un módulo introdutorio:

Módulo 0. Preparándote para aprender: benvida ao curso — 1 hora

Presentación das persoas participantes e visión xeral da formación.

Módulo 1. O comezo. A fase de prácticas — 4 horas

Aspectos básicos da fase de prácticas, avaliación, obrigas iniciais, alta en MUFACE e participación obrigatoria no concurso de traslados.

Módulo 2. A estrutura da memoria e o capítulo de introdución — 5 horas

Estrutura xeral da memoria, planificación do documento e elaboración do capítulo de introdución, no que se contextualiza a experiencia e a traxectoria profesional.

Módulo 3. O capítulo do contexto do centro educativo — 4 horas

Análise das características do centro, a súa organización, oferta educativa, contorno sociocultural e documentación institucional necesaria para contextualizar a experiencia docente.

Módulo 4. O capítulo da actividade docente — 8 horas

Elaboración do apartado central da memoria: materias e grupos, metodoloxía, avaliación, atención á diversidade, labor titorial e coordinación co equipo docente e coas familias.

Módulo 5. O capítulo da valoración global — 4 horas

Reflexión sobre os logros, dificultades, apoios, aprendizaxes e evolución profesional experimentados durante a fase de prácticas.

Módulo 6. Peche da memoria — 4 horas

Revisión final do documento, coherencia e estilo, portada, anexos, bibliografía, webgrafía, referencias lexislativas e formato da memoria.