Que é a xubilación parcial?
A xubilación parcial consiste en que un traballador ou traballadora que cumpra determinados requisitos de idade e de cotización poida reducir a súa xornada laboral. A parte da xornada laboral reducida é cuberta por outro traballador ou traballadora mediante un contrato de remuda.
Pódome acoller á xubilación parcial?
Para poderte acoller á xubilación parcial debes cumprir o seguinte:
- Ter un contrato indefinido a xornada completa (exclúese o profesorado substituto).
- Estar no réxime de pagamento delegado (exclúese bacharelato e PAS).
- Ter unha antigüidade mínima en pagamento delegado de 6 anos.
- Ser cooperativista tamén permite acceder á xubilación parcial.
- Ter unha carreira de cotización mínima de 33 anos (ou 25 anos en caso de discapacidade superior ao 33 %).
- Cumprir a idade mínima que se mostra a continuación.
Idade mínima para acollerse á xubilación parcial
- En 2024:
- 62 anos e 6 meses (se se teñen 36 anos cotizados)
- 64 anos (se se teñen 33 anos cotizados)
- En 2025:
- 62 anos e 8 meses (36 anos e 3 meses cotizados)
- 64 anos e 4 meses (33 anos cotizados)
- En 2026:
- 62 anos e 10 meses (36 anos e 3 meses cotizados)
- 64 anos e 8 meses (33 anos cotizados)
- En 2027 e seguintes:
- 63 anos (36 anos e 6 meses cotizados)
- 65 anos (33 anos cotizados)
Cal é a vixencia do acordo de xubilación parcial asinado coa Xunta?
O acordo de xubilación parcial da concertada ten efectos desde o 1 de setembro de 2024 ata o 31 de agosto de 2029.
Canto se reduce a xornada e durante canto tempo?
A xornada redúcese entre un 25 % e un 50 %, e esta redución mantense ata que se acade a idade legal para acceder á xubilación total, cun período mínimo dun ano.
Como se solicita?
Para solicitar a xubilación parcial débese entregar no centro de traballo a solicitude cuberta, acompañada dunha copia do contrato de traballo e dun informe de vida laboral.
Como son as retribucións durante o período de xubilación parcial?
Durante o período de xubilación parcial:
- Percíbese o salario proporcional á xornada realizada en pagamento delegado.
- Tamén se percibe a pensión proporcional á xornada deixada de traballar.
Como é a cotización durante o período de xubilación parcial?
Durante o período de xubilación parcial, séguese cotizando coma se se estivese traballando a xornada completa ata acadar a idade da xubilación total.
Redúcese a pensión por acollerme á xubilación parcial?
Non, a pensión non se ve afectada por acollerse á xubilación parcial.
Como se reduce a xornada lectiva?
A xornada lectiva redúcese da maneira que se indica no seguinte cadro.
Que requisitos ten que cumprir a persoa remudista?
A persoa remudista debe estar inscrita como demandante de emprego ou ter un contrato temporal coa empresa. Existe o criterio preferente, aínda que non obrigatorio, de que a persoa proceda da bolsa de recolocación.