As organizacións representativas na Mesa de Negociación do Persoal Docente Non Universitario esixen o cumprimento dos compromisos

ANPE, CCOO, CSIF, STEs, UGT e CIG remitimos esta mañá unha carta a Pilar Alegría, ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, na que esiximos que se respecte a Mesa de Negociación do Persoal Docente Non Universitario e se negocien nela todos os temas que afectan ao profesorado. Ademais, demandamos o inicio inmediato das negociacións ás que se comprometeu o Ministerio para este curso.

Canto á vulneración do dereito á negociación colectiva, os sindicatos explicámoslle á ministra que non se cumpren os compromisos de negociación adquiridos polo Ministerio que dirixe. Neste caso, houbo un compromiso expreso de iniciar un calendario de negociación desde setembro deste curso; incluso se dixo que se convocaría unha primeira reunión o pasado xullo sobre os temas máis relevantes para o profesorado e as súas condicións laborais básicas, encamiñadas a dar cumprimento á promesa deste Ministerio e do Goberno ao que representa de que esta sería “a lexislatura das condicións laborais do profesorado”. Xa pasou setembro e non se produciu ningunha convocatoria a este respecto.

As organizacións asinantes da carta agardamos unha pronta resposta do Ministerio ás nosas demandas para poder abordar con urxencia os temas máis importantes para o profesorado e a profesión docente.