O 5 de outubro, a UNESCO celebra o Día Mundial dos e as Docentes para conmemorar a adopción da Recomendación da OIT/UNESCO relativa á Condición do Persoal Docente de 1966 e a Recomendación relativa á Condición do Persoal Docente do Ensino Superior de 1997.
Cada 5 de outubro é unha oportunidade para celebrar e fortalecer a nosa profesión. Sabemos que a transformación da educación comeza valorando ao profesorado, respectándoos e asegurándonos de que esteamos no centro da toma de decisións.
Desde CCOO Ensino volveremos poñer de relevo a necesidade de abordar os desafíos sistémicos que enfronta o profesorado e de establecer un diálogo social máis sólido sobre o noso papel na educación. Volveremos reivindicar unha vez máis, que é o ano do Profesorado no que é necesario un Estatuto Docente que mellore as súas condicións laborais.
En 2024, o Día Mundial das e os Docentes centrarase no tema “Valorar a voz dos docentes: cara a un novo contrato social para a educación”. As celebracións deste ano farán fincapé na función esencial que desempeña o profesorado na configuración do futuro da educación e na urxente necesidade de incorporar os seus puntos de vista á política educativa e aos procesos de toma de decisións.
Este ano, o Grupo de Alto Nivel sobre a Profesión Docente do Secretario Xeral das Nacións Unidas publicou un conxunto de recomendacións que pretenden reforzar o papel dos docentes na transformación da educación e promover o ODS 4. As recomendacións subliñan a necesidade de revisar e mellorar estes instrumentos normativos, e de transformar o ensino mediante o diálogo social co obxectivo de lograr un novo contrato social para a educación.
A celebración deste ano pon así de relevo a necesidade de valorar os coñecementos, a voz e a participación do profesorado nos procesos de toma de decisións no ámbito da educación. O Día Mundial dos Docentes está organizado pola UNESCO en colaboración coa OIT, o UNICEF e a Internacional da Educación.
Documentación asociada:

