A mellora das condicións de traballo das e dos docentes e o seu recoñecemento son urxentes para mellorar o sistema educativo

Este debe ser o curso do profesorado. Leva demasiado tempo pendente unha lei do profesorado, un estatuto docente que mellore as súas condicións laborais e asegure para todo o territorio unhas condicións básicas.

Que as traballadoras e traballadores da educación teñan as mellores condicións laborais é imprescindible para un bo sistema educativo.

A Federación de Ensino de CCOO aproveita o inicio de curso para reiterar a necesidade de contar cun marco normativo específico, un estatuto docente, que asegure unhas condicións básicas para todas e todos os docentes no exercicio do seu importante labor. Para o sindicato, non se pode seguir postergando unha reivindicación que incide directamente na calidade educativa do noso alumnado.

Para CCOO, os elementos mínimos que debería incluír o estatuto docente son:

  • Diminución da carga lectiva, redución do horario de permanencia e mellora das ratios
  • Grupo A1 e subida de nivel para todos os corpos docentes
  • Xubilación anticipada, voluntaria e incentivada para todas e todos
  • Regulación específica docente da saúde laboral, incluíndo os riscos psicosociais
  • Mellora real da formación inicial
  • Formación permanente con recursos e dentro do horario laboral
  • Unha verdadeira carreira profesional, atractiva, articulada e ben incentivada
  • Revisión do ingreso e acceso, primando aspectos pedagóxicos cunha fase de prácticas con recursos, realmente formativa e ben planificada
  • Concreción das funcións do profesorado para evitar a acumulación de tarefas e o exceso de burocracia
  • Mellora e homologación á alza das condicións retributivas e laborais do profesorado, incluíndo tamén licenzas e permisos e acción social

O sindicato esixe que se inicien decontado as negociacións na Mesa Sectorial Docente, empezando por que todos os corpos docentes sexan subgrupo A1 e suban de nivel e pola redución do horario lectivo semanal de cada docente, con carácter obrigatorio para todo o Estado.

Debe incrementarse tamén o cadro de todo o persoal de administración e servizos educativos, incluíndo instaurar a figura de «enfermería escolar» en todos os centros, e mellorar as súas condicións laborais nunha mesa estatal específica. Este persoal é fundamental nos centros para desenvolver as tarefas correspondentes con todas as garantías e unha adecuada distribución.

Urxe tamén a tramitación dun novo real decreto de requisitos mínimos dos centros que incorpore as seguintes prioridades principais:

  • Baixar as ratios, asociando o número de alumnas e alumnos por grupo á diversidade, computando dobre todo o alumnado con calquera necesidade específica para os efectos de ratio
  • Incrementar os apoios especializados en atención á diversidade e asocialos a calquera dificultade
  • Aumentar os recursos da rede de orientación educativa e psicopedagóxica
  • Instaurar a figura de coordinación de benestar e protección á infancia e a adolescencia, con persoal adicional específico para estas funcións
  • Asegurar a climatización e as boas condicións dos centros

Que as traballadoras e traballadores da educación teñan as mellores condicións laborais é imprescindible para un bo sistema educativo.