No día de hoxe celebrouse unha xuntanza da Comisión Permanente do Consello Galego de Formación Profesional.
Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:
Orde do XX de xuño de 2026 pola que se actualiza a oferta de formación profesional do sistema educativo en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2026- 2027
Valoración global de CCOO
Desde CCOO Ensino queremos comezar compartindo algunhas das queixas xa expresadas na intervención anterior pola CIG, en relación cos prazos e coa documentación facilitada para este Consello Galego de FP.
Consideramos insuficiente que a documentación chegue ás organizacións que representamos ao profesorado con tan pouca marxe para a súa análise e en formatos que dificultan a realización do noso traballo.
Ademais, reclamamos poder contar coa mesma información que se traslada aos medios de comunicación, incluído a presentación de datos resumo e o dossier completo da oferta, que foi necesario “rescatar” das publicacións feitas na web da Consellería.
Comprendemos o interese da Xunta en promocionar a FP galega, pero esa comunicación pública debe ser compatible cunha participación real e rigorosa dos axentes representados neste Consello.
Toman nota e tentarán facilitar a documentación mencionada, así como revisar os formatos da mesma
Tamén queremos deixar constancia de que diversos centros xa trasladaron incidencias á Dirección Xeral de FP en relación con erros detectados na oferta prevista. Por iso insistimos na necesidade de coñecer con detalle toda a oferta: pública, concertada e tamén a privada autorizada, con desagregación por centro, ciclo, réxime, modalidade, grupos e prazas.
É certo que xa se recibiron notificacións de erros e que serán corrixidos no documento final.
En canto á oferta completa e detallada indican que a do ensino público xa foi facilitada, a concertada non sufriu variacións respecto ao curso anterior e da privada non poden aportar datos actualizados xa que a normativa estatal non prevé a caducidade das autorizacións a estes centros e, polo tanto, pode existir oferta autorizada que non se vaia impartir o curso que vén.
Xa trasladaron esta cuestión ao Ministerio, pero non poden informar sobre datos que poderían ser inexactos.
No ámbito territorial, consideramos relevante a necesidade de adaptar a oferta da comarca de Ferrolterra á próxima chegada do proxecto de SAIC (no caso de concretarse).
Se xa se está planificando oferta formativa pensando na futura fábrica de chips fotónicos de Sparc Foundry en Vigo, que prevé iniciar operacións a finais de 2027, cómpre aplicar un proceder semellante a outros proxectos de moita maior envergadura e coa consideración de proxectos industriais estratéxicos para Galicia.
Mentres que a empresa Sparc Foundry xa proporcionou perfís formativos que serían necesarios para futuras incorporacións e está prevista alternativa para o alumnado ante posibles atrasos na apertura, no caso de SAIC só houbo contactos preliminares e non se proporcionou ningún perfil formativo desde a empresa.
Tamén nos preocupa a existencia de oferta a distancia en determinadas ensinanzas nas que esta modalidade resulta moi difícil de xustificar pola súa carga práctica, técnica ou de taller. A flexibilidade non pode confundirse cunha perda de calidade formativa.
Galicia non conta con ningunha formación pública cento por cento a distancia, sempre é semipresencial, precisamente por cuestións como as indicadas.
Finalmente, queremos facer unha precisión importante sobre a nova ordenación da xornada do profesorado. Non compartimos a interpretación feita pola CIG de que se produza unha diminución da dotación horaria para as titorías de FCT ou outras coordinacións.
Desde a normativa do ano 1997 falabamos de ATA tres períodos lectivos (que podían ser tamén cero) para estas funcións, sen unha garantía efectiva e homoxénea. A nova regulación introduce unha asignación máis clara, onde cando menos todo o profesorado implicado nestas tarefas contará cunha sesión lectiva garantida, á que poderán engadirse sesións complementarias fixas a determinar polo centro educativo. Ademais, a normativa precisa que no caso das ensinanzas de FP os centros contarán con flexibilidade á hora de asignar estas sesións de dedicación, polo que cómpre analizar a medida con rigor e sen lecturas parciais.
Consideración inicial sobre a oferta para o curso 26-27
Desde CCOO valoramos positivamente o incremento global da oferta de FP, agora ben, a oferta non pode medirse só en número de prazas, grupos ou titulacións.
Cómpre saber onde medra, en que familias, con que modalidades, con que profesorado, espazos, equipamento, empresas colaboradoras e garantías de continuidade formativa e inserción laboral.
Por iso centramos a nosa intervención en tres eixos: transparencia dos datos, calidade da oferta con recursos suficientes e garantía de itinerarios formativos, especialmente para o alumnado máis vulnerable.
Ademais, solicitamos que a documentación se facilite en formato traballable para poder comparar con rigor por centro, territorio, familia profesional, grao, réxime, modalidade, grupos e prazas.
Preámbulo da orde
O preámbulo da orde recolle unha idea que compartimos: a FP debe favorecer a aprendizaxe ao longo da vida, a actualización profesional e a progresión formativa.
Precisamente por iso, a oferta non pode ser unha suma illada de ciclos, cursos ou programas. Debe construír itinerarios reais, especialmente na FP Básica, na FP Básica para persoas adultas e na FP Acelerada.
Responder ás necesidades produtivas é importante, pero debe facerse desde unha planificación pública, equilibrada territorialmente e con garantías de cualificación, continuidade académica e calidade formativa.
Por iso pedimos que toda nova oferta veña acompañada de recursos docentes, materiais, orientación e avaliación. Ademais, solicitamos aclaracións sobre certos casos nos que desde as direccións dos centros se trasladou aos claustros que se denegaba a ampliación de oferta xa existente alegando a necesidade de máis profesorado, porque iso evidencia que o crecemento da FP require planificación e dotación suficiente.
A implantación ou non dun ciclo non depende dun único factor, senón dunha análise conxunta de distintas variables: a dispoñibilidade de profesorado, a demanda real da ensinanza, a oferta xa existente na contorna, o número de vacantes noutras modalidades e outros criterios de planificación educativa.
Artigo 1. Actualización da oferta
No artigo 1 pedimos, con carácter xeral, máis claridade sobre o alcance real da orde: se regula a oferta pública, cómpre saber tamén onde se recolle e como se autoriza a oferta concertada e a privada, así como dispoñer dunha táboa clara de altas, baixas e novas implantacións.
O punto máis relevante aquí é a aparición da nova familia profesional de Intelixencia Artificial e Data, con 80 prazas. Non cuestionamos a súa creación nin a súa posible base normativa, pero si pedimos que se explique como afecta á comparación cos datos do curso anterior, cando a única oferta relacionada con IA aparecía vinculada á familia de Informática e comunicacións.
En concreto, solicitamos saber que ensinanzas computan agora dentro desta nova familia, se o “Curso de especialización en Intelixencia artificial e big data” segue en Informática e comunicacións ou pasa a “Intelixencia Artificial e Data”, e se a Consellería pode facilitar unha táboa homoxénea que permita comparar sen distorsións a evolución real do conxunto da oferta dixital.
Os dous novos ciclos son os que se incorporarán á familia profesional de “Intelixencia artificial e data”. O que xa había mantense na familia de “Informática e comunicacións”.
Posto que o profesorado destes novos ciclos só afecta ás especialidades de “Informática” e “Sistemas e aplicacións informáticas”, non se prevén dificultades na asignación do profesorado nos centros nin nos chamamentos para substitucións.
Artigo 5. Itinerario formativo de ciclo de grao básico e de grao medio
Valoramos positivamente o itinerario integrado de Cociña e Restauración no CIFP Compostela, porque garante continuidade desde o grao básico cara ao grao medio e evita que a FP Básica funcione como unha vía terminal.
Precisamente por iso, pedimos que esta fórmula non quede limitada á familia de Hostalería. Se a Consellería recoñece que é necesario asegurar itinerarios cara a unha cualificación máis sólida, esa mesma lóxica debería aplicarse tamén noutras familias e, especialmente, na FP Básica para persoas adultas.
Solicitamos coñecer que criterios se empregaron para seleccionar esta experiencia, como se vai avaliar e se existe previsión de estendela a ámbitos como Informática e comunicacións ou Administración e xestión, onde un grao básico dificilmente garante por si só unha inserción laboral sólida.
De momento é unha experiencia piloto, pero non se descarta estendela a outros ciclos ou modalidades como as comentadas.
Disposición adicional primeira. Formación acelerada.
A FP Acelerada pode ser útil para a recualificación e para responder a necesidades concretas dos sectores produtivos, pero o seu forte incremento esixe unha avaliación rigorosa da experiencia anterior.
Solicitamos datos sobre matrícula efectiva, asistencia, finalización, continuidade formativa ou laboral, etc. Ademais, debe garantirse que estas formacións sexan acumulables e capitalizables cara a títulos de FP.
A FP Acelerada non debe converterse nunha vía rápida de baixa intensidade nin substituír a oferta ordinaria estable. Debe ser unha ferramenta complementaria, planificada e con garantías de calidade.
A FP Acelerada si está pensada con continuidade formativa. Estas ofertas permiten obter, como mínimo, unha acreditación de grao C e, no caso desta segunda edición, veñen a complementar a experiencia piloto do curso anterior.
Segundo a Consellería, esta modalidade tamén dá resposta a unha dificultade derivada da normativa estatal: ata agora, o alumnado que cursaba módulos soltos non podía certificarlos plenamente ata realizar a FCT. Coa FP Acelerada organízase un bloque formativo coherente que permite certificar os módulos ao rematar, nun prazo máis curto e asumible para o alumnado, ao tempo que facilita a continuidade nun itinerario formativo.
A Administración tamén sinalou que, nalgúns casos, esta oferta se transformou en oferta ordinaria. É dicir, determinados ciclos que inicialmente tiñan oferta modular foron reordenados en función das necesidades detectadas para dar unha resposta máis axeitada ao alumnado.
Disposición adicional segunda. Acceso á FP Básica para persoas adultas.
A FP Básica para persoas adultas pode ser unha boa ferramenta de reenganche educativo para quen abandonou o sistema sen titulación. Pero debe concibirse como porta de entrada a un itinerario formativo, non como unha vía terminal de baixa cualificación.
Isto é especialmente importante en familias como Informática e comunicacións ou Administración e xestión, onde un grao básico dificilmente garante por si só unha inserción laboral sólida. Por iso pedimos avaliación da experiencia piloto, datos de matrícula, asistencia, abandono, promoción e continuidade, así como garantías reais de progresión cara ao grao medio ou outras acreditacións acumulables.
Se a Consellería aposta por garantir continuidade no itinerario integrado de Hostalaría, esa mesma lóxica debería aplicarse tamén á FP Básica para persoas adultas.
Disposición adicional terceira. FP Básica Adaptada para persoas adultas.
Valoramos positivamente a FP Básica Adaptada para persoas adultas, porque pode ser unha vía útil para colectivos vulnerables ou con necesidades específicas de apoio educativo.
Agora ben, para que sexa realmente inclusiva debe contar con recursos de orientación, apoio e condicións suficientes nos centros. Por iso pedimos avaliación da experiencia piloto, criterios claros de acceso, recursos específicos para o alumnado e previsión de continuidade formativa ou profesional.
Estas ofertas non poden ser só unha resposta estatística ao abandono ou á falta de titulación: deben garantir inclusión real e itinerarios con sentido.
A FP Básica Adaptada para persoas adultas en Vigo duplica o número de grupos porque considera necesario seguir avanzando neste ámbito. A experiencia amosou un perfil de alumnado bastante heteroxéneo, polo que a finalidade é ofrecer unha resposta formativa específica a estas persoas nun centro que conta con medios, recursos e metodoloxías adaptadas ás súas necesidades.
Disposición adicional cuarta. Módulo de Formación en Centros de Traballo.
Non temos obxección á regulación do alumnado con FCT ou proxecto pendente, pero trasladamos unha preocupación crecente dos centros: a falta de empresas suficientes e os casos de alumnado que queda sen empresa ou é devolto ao centro.
Pedimos datos por familias, centros e territorios, así como información sobre as solucións previstas para que ningún alumno ou alumna vexa prexudicada a súa avaliación ou titulación.
Tamén reclamamos tempo suficiente para o profesorado que xestiona a FCT, atende o alumnado pendente ou sen empresa e titoriza proxectos. A FP dualizada require máis coordinación e seguimento, e iso debe ter recoñecemento horario real.
Disposición adicional sétima. Ordenación e admisión na FP Dual Intensiva.
A FP Dual Intensiva pode ser positiva se garante unha formación real e ben acompañada, pero require especial prudencia, sobre todo cando se aplica a alumnado moi novo ou en niveis iniciais, onde pode haber menor madurez persoal ou unha base formativa aínda insuficiente.
Por iso pedimos que se asegure que a formación na empresa responde aos resultados de aprendizaxe do ciclo, que exista seguimento pedagóxico efectivo e que haxa mecanismos claros para actuar cando unha empresa non cumpre os compromisos, devolve alumnado ao centro ou non se acadan prazas suficientes para todo o alumnado admitido.
A colaboración co tecido produtivo debe reforzar a calidade da FP, non trasladar incertezas aos centros nin ao alumnado.
A FP Dual Intensiva permite deseñar ofertas máis axustadas ás necesidades concretas de cada sector ou proxecto empresarial. Por exemplo, se unha empresa como SAIC demanda un perfil que non coincide exactamente cun ciclo existente, pódese partir dun ciclo base, incorporar módulos doutros ciclos e complementar a formación con contidos específicos impartidos pola propia empresa.
Segundo a Consellería, esta modalidade está pensada para casos singulares nos que resulta necesaria unha participación máis intensa das empresas, ben pola especialización requirida, ben pola necesidade de empregar espazos, tecnoloxía ou equipamentos dos que os centros non dispoñen.
Como exemplo, sinalouse o título de alta especialización en “Administración e finanzas especializado en seguros”, construído a partir dun ciclo base e complementado con módulos doutros ciclos e formación específica vinculada ao sector.
Rolda final de intervencións
Intervención de CCOO Ensino
- Volvemos reclamar o complemento económico para o profesorado das dez especialidades do corpo de PESSFP, desde un principio moi claro: a mesmo traballo, mesma retribución. A nivel estatal, desde CCOO xa presentamos máis de 102000 sinaturas ao Ministerio de Educación e á Conferencia Sectorial esixindo o grupo A1 e a suba de nivel para todos os corpos docentes, pero neste caso ademais queda claro que o traballo realizado polo profesorado do corpo de PESSFP é exactamente o mesmo que o das compañeiras e compañeiros de PES ou PTFP.
Somos conscientes de que existe unha vía xudicial aberta, que desde CCOO non vimos viable no seu momento, mais consideramos que a Xunta de Galicia debe asumir unha solución política e retributiva para corrixir este agravio. - Reclamamos unha análise rigorosa da privatización da FP. En zonas como Vigo existe unha forte presenza de oferta privada en ciclos de alta demanda, como os vinculados á Informática, mentres a oferta pública resulta claramente insuficiente. Ademais, non existe un espazo público, claro e accesible onde consultar toda a oferta privada autorizada de Formación Profesional. Esa información debe estar dispoñible con transparencia.
- Outra preocupación é a calidade da oferta a distancia. Hai ensinanzas nas que esta modalidade presenta serias dificultades pola súa carga práctica, e nalgúns casos os materiais facilitados ao alumnado non teñen a calidade necesaria. A flexibilidade non pode facerse con cargo á calidade formativa.
- No relativo á FP Dual Intensiva, esiximos datos sobre a súa implantación real: grupos autorizados, alumnado matriculado, empresas participantes, prazas efectivamente cubertas e incidencias detectadas. Tamén pedimos datos sobre os problemas de falta de empresas para o alumnado e sobre como se están xestionando os casos nos que o alumnado queda sen empresa ou é devolto ao centro.
- Solicitamos unha compensación polo agravio comparativo existente entre a duración das sesións nos IES e nos CIFP, xa que esta diferenza ten impacto directo na xornada real do profesorado. Neste sentido esperamos poder avanzar coa Dirección Xeral de FP na busca de alternativas que permitan corrixir esta situación.
- Cómpre abordar, ademais, a sobrecarga burocrática asociada á FP. O avance cara a novas aplicacións integrais é lento e cheo de retos, pero o profesorado precisa máis información sobre que ferramentas se van implantar, que traballos se están realizando neste ámbito, que prazos se manexan e que melloras reais poden esperar. Somos conscientes de que xa hai traballo avanzado, pero a percepción do profesorado non é a mesma e en parte é pola falta de claridade ao respecto.
- Reclamamos unha regulación específica da impartición de módulos de curta duración. Hai casos nos que unha mesma persoa docente pode asumir dez ou máis módulos pequenos, con cadansúa programación, seguimento, avaliación e grupos de alumnado. Esta situación xera unha sobrecarga evidente que debe ser recoñecida e corrixida nas instrucións para o desenvolvemento da FP no curso 26-27.

