Na reunión, as organizacións patronais responderon ás nosas propostas de incrementos salariais para os anos de vixencia do X Convenio Colectivo, previsto ata o 31 de decembro de 2027, e presentaron as súas conclusións acerca dos cambios formulados no novo texto desde o banco sindical.
No plano retributivo propoñen que a suba prevista para 2024 se aplique desde xullo, aumentando a súa oferta inicial ata o 3,5 %. Para os anos 2025, 2026 e 2027, propoñen un incremento do 3 % anual en todos os conceptos das táboas salariais, máis un 1,5 % adicional para as categorías de profesores/as titulares, educador/a social e titulado/a non docente.
Canto ao resto das condicións do convenio, ademais dos temas xa consensuados durante a negociación (contratación, promoción laboral, traballo a distancia, teletraballo, desconexión dixital, cesamentos) e doutros que necesitaban adaptación legal, manifestaron a súa disposición a aceptar algúns dos puntos que aínda estaban pendentes do acordo:
- No capítulo de permisos, aceptarían mellorar o permiso en caso de falecemento do cónxuxe, parella de feito e parentes de primeiro grao.
- Tamén poderían aceptar o aumento do actual permiso (15 horas) para asistir a consultas médicas con fillas, fillos ou parentes de primeiro grao.
- Ante as nosas propostas para adaptar o texto do convenio á nova regulación laboral para garantir a non discriminación das persoas LGTBIQ+ e evitar o acoso a estas persoas no ámbito laboral, propuxeron unha redacción alternativa que algunhas das organizacións presentes xa pactamos noutros convenios.
- Na clasificación profesional mantiveron a proposta de incluír as categorías de xestor/a de redes sociais (social media manager), deseñador/a de contidos e dinamizador/a de cursos en liña. Doutra banda, coma noutras ocasións, non aceptaron eliminar as dúas categorías de profesor/a auxiliar.
Con respecto á proposta salarial, CCOO manifestamos que o incremento de 2024 debería aplicarse desde xaneiro. En relación coas subas para 2025, 2026 e 2027, expresamos que son insuficientes, se ben conteñen algúns elementos interesantes como o 1,5 % adicional ás categorías con maior número de traballadores/as no sector. Por outra parte, sinalamos a necesidade de establecer un diferencial automático sobre o SMI para evitar que este alcance as categorías que quedan por encima en 2024, en especial as dúas categorías de profesores/as auxiliares.
Canto ao resto do convenio, aínda persisten certos desacordos en, por exemplo, as condicións que se propoñen para as novas categorías profesionais, a negativa patronal a mellorar a xornada de traballo ou a establecer un complemento de incapacidade temporal. Así mesmo, trasladamos propostas de mellora en temas de igualdade sobre as que aínda non temos resposta.
A próxima reunión terá lugar o 4 de abril e nela tentaremos avanzar nas diferenzas que aínda persisten.