Toda a información da Mesa Sectorial sobre o calendario escolar 2025/26

No día de hoxe celebrouse a Mesa Sectorial Docente Non Universitaria.

Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:

 

Calendario escolar 2025/26

  • Manifestamos, por enésima vez, que a orde de calendario escolar que se nos presenta obvia por completo o debate sobre os tempos escolares, presentándonos unha proposta de carácter clásico cun desequilibrio de duración de cada trimestre debido a interpor periodos de vacacións mediatizadas por festivivades de índole relixiosa.  Desta forma o 1.º trimestre contaría con 20 días máis, 72 dias, fronte os 53 días do segundo e terceiro. Este debate sobre a distribución máis racional dos tempos escolares ao marxe de festividades relixiosas, xa foi aberto noutras comunidades autónomas, e, como xa fixemos nelas, CCOO ofrécese, unha vez máis, para discutir unha organización máis racional do calendario escolar.

A CONSELLERÍA COMPROMÉTESE A ESTUDIALO.

  • Dende CCOO solicitamos que o inicio das actividades lectivas se retrase o máximo legal posible para que equipos directivos e centros podan preparar coas máximas garantías o inicio de curso. Xa que a LOMLOE establece un mínimo de 175 días lectivos e, tradicionalmente, viñamos establecendo calendarios con eses 175 días e a proposta da Consellería establece 176 días, solicitamos retrasar un día o inicio das actividades lectivas, ao 9 de setembro de 2024, unha petición acorde coa de moitos equipos directivos, xa que consideran que o día 8 é moi complicado ter  preparado o inicio de curso.

A CONSELLERÍA VAINO VALORAR.

  • Esiximos que se amplíe o período de incorporación gradual do alumnado de cuarto de infantil, xa que no borrador actual só se extendería ata o 12 de setembro. Entendemos que se está a incumplir a Orde do 30 de maio de 2023 que establece a ordenación e currículo de Educación Infantil que recolle a posibilidade de extensión durante a totalidade do mes de setembro de tal período, deixando á autonomía dos centros docentes en función das características do seu alumnado a fixación dunha extensión inferior. Solicitamos que se incorpore ao borrador tal medida da Orde do 30 de maio de 2023, xa que o período de adaptación faise en beneficio do alumnado e nunca debe supeditarse a cuestións de conciliación familiar nin intereses corporativos.

A CONSELLERÍA ALEGA QUE 5 DÍAS SON SUFICIENTES PARA A ADAPTACIÓN DOS NENOS E DAS NENAS DO CUARTO CURSO DE INFANTIL.

  • Con respecto a FP, a data de inicio e remate do curso consideramos que debe ser “de acordo cos requirimentos de cada ciclo formativo”, tal como se recollía fai anos no calendario escolar. De feito, os cursos de especialización sempre empezan máis tarde de setembro.

NON CONTESTAN.

  • No Anexo 1 de conmemoracións propomos incluir as seguintes:
  1. Día da Memoria Democrática (31 de outubro).
  2. Día da Clase Obreira Galega (10 de marzo).
  3. Débense enumerar as datas nas que hai celebracións internacionais referidas ao recoñecemento efectivo dos dereitos LGBTI, e non deixalo de modo xenérico, o que favorece a invisibilización. (15 de marzo- Día da Visibilidade Transexual, 26 de abril – Día da visibilidade lésbica, 17 de maio – Dia internacional contra a LGTBI-fobia…, todas elas en tempo lectivo).

NON ACEPTAN NINGUNHA. 

Rolda final de intervencións

  • Denunciamos a falta de información e incertidume creada nos centros educativos a raíz do apagón sufrido o luns 28. Somos conscientes de que se trata dunha situación excepcional e que, durante a tarde do luns 28, difundir calquera comunicación foi moi dificil, pero dende o momento en que, ao longo da madrugada, se recuperaron o suministro e a posibilidade de comunicación, ésta foi tardía (a primeira e única nova, na web, ás 7:47 do martes), incompleta e, ás veces, contraditoria, xerando caos e incertidume en centros, equipos directivos e persoal docente.

    De feito, a única información coa que contou ao deitarse o luns 28 o persoal docente foi de equipos directivos, moitos deles obrigados a facer longos traslados ao seu lugar de traballo. A información dicía que a actividade lectiva quedaba suspendida, pero non que os centros educativos se tivesen que manter abertos. Logo, como xa apuntamos, ás 7:47 foi publicada na páxina web unha nota escueta de que, a pesar de que as actividades lectivas se atopaban suspendidas, os centros deberían manterse abertos para posibles incidencias, sen máis concreción.

    As instrucións máis claras foron difundidas na rede social X, e non na páxina web, máis alá das 8:30 da mañá do martes.

    Esperamos que se tome nota en futuras situacións similares e, ante a falta de información clara sobre a apertura ou non dos centros e a presenza do persoal docente, que se remitan instrucións a centros educativos para que as ausencias do profesorado sexan xustificadas como causas de forza maior.

ACEPTADO. RECOÑECEN QUE A INFORMACIÓN NON FOI CLARA.

  • Solicitamos información sobre o concurso de prazas de atención preferente para o curso 2025/26.

TRASLADARÁN Á DIRECCIÓN XERAL CORRESPONDENTE.

  • Demandamos información de cando preve a Consellería traer á mesa sectorial o novo Decreto autonómico de ordenación da FP.

TRASLADARÁN Á DIRECCIÓN XERAL CORRESPONDENTE.

  • Instamos a que se negocien en mesa sectorial os proxectos de novos regulamentos orgánicos de centro, tarefa que leva pendente xa uns cantos anos.

TRASLADARÁN Á DIRECCIÓN XERAL CORRESPONDENTE.

  • Volvemos a denunciar a situación do persoal docente das aulas hospitalarias e esiximos que se tomen en consideración as súas reclamacións, entre elas que sexan consideradas estas prazas como postos de especial dificultade, ao igual que as prazas dos centros penitenciarios ou os centros de menores, que xa contan con tal recoñecemento.

TRASLADARÁN A PETICIÓN.

  • Solicitamos información de cando prevé a Dirección Xeral correspondente traer a mesa sectorial a nova convocatoria de licenzas por formación.

TRASLADARÁN Á DIRECCIÓN XERAL CORRESPONDENTE.