Toda a información da comisión de persoal do 8 de maio de 2025

Na Comisión de Persoal do 8 de maio tratáronse os seguintes puntos da orde do día:

Anteproxecto de Decreto polo que se regula o acceso e a provisión de postos de traballo de persoas con discapacidade intelectual na Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico

O sentido do voto de CCOO foi A FAVOR xa que este decreto xa viña negociado no Consello Asesor para a integración da Discapacidade onde están presentes as diferentes organizacións representativas do colectivo e as organizacións sindicais.

Proposta de modificación da RPT da Consellería de Sanidade e do SERGAS

O sentido do voto foi EN CONTRA. Esta RPT, que segundo os responsables da Consellería, é unha RPT meramente de estrutura amortiza 25 postos para crear 11, o que é claramente unha destrución de emprego público de manual. Ademais a Consellería segue a abrir postos ao persoal Estatutario sen facer un estudo polo miúdo posto a posto para ver si é necesaria ou non esta apertura.

Por outra banda se crean diferencias entre prazas como por exemplo nas prazas de Biólogos/as que non se equiparan os seus niveis ao resto de técnicos existentes.

Dende CCOO solicitamos que se afronte o antes posible unha modificación de RPT global para corrixir eivas que dende esta organización sindical consideramos importantes para que a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde poidan prestar o servizo público que a cidadanía galega se merece.

Proposta de modificación da RPT da Presidencia da Xunta de Galicia

O sentido do voto de CCOO foi a ABSTENCIÓN. Aínda que entendemos que esta RPT trae aspectos positivos como que se crean 8 postos e so se amortiza 1. Ademais nesta modificación parcial da RPT da Presidencia da Xunta de Galicia traen a mellora retributiva para os letrados e letradas da Xunta de Galicia. Polo que non votamos en contra desta modificación. Pero tampouco podíamos votar a favor xa que aínda que ten aspectos positivos, a modificación da RPT tamén ten algúns negativos:

  • Por que so se fai unha subida salarial para determinadas prazas e non se afronta dunha vez por todas a revisión dos niveis de todos os grupos e subgrupos da Administración Pública Galega?
  • Por que se seguen abrindo postos a outras administracións públicas e estes postos son ademais de LD?
  • Por que se lle esixe unha responsabilidade extra a determinados postos do DOG como unha xefatura de sección e unha xefatura de servizo e non a responsables políticos?

Proposta de modificación da RPT da Administración xeral e da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

O sentido do voto de CCOO foi A FAVOR, xa que se trata dunha modificación de RPT que o que pretende e incardinar postos existentes conformes ás escalas e especialidades dos corpos de persoal funcionario da Administración xeral e da Administración especial con determinados requisitos indispensables de titulación así como postos de corpos, escalas e/ou especialidades de acordo a Lei 2/2015, do 29 de abril do emprego público de Galicia, para dar cumprimento ás obrigas derivadas da Lei 20/2021, do 28 de decembro.