Somos esenciais! Somos prioritari@s!

A Federación de Ensino de CCOO lanza unha campaña para defender os dereitos do PAS Educativo, o traballo do persoal laboral e funcionario é esencial para garantir a calidade e o mantemento dos centros educativos. É urxente que o seu labor sexa considerado prioritario.

O PAS Educativo é o persoal laboral e funcionario dos centros escolares e outras estruturas administrativas, que traballa en todas as etapas educativas, desde infantil ata secundaria, realizando todas as tarefas e funcións que necesita un centro escolar para o seu eficaz e eficiente funcionamento: administrativas, educativas, sanitarias, culturais, asistenciais, vixilancia e control, limpeza e hixiene, mantemento, etc.

Polo tanto, é un colectivo de traballadoras e traballadores esencial, primordial e fundamental para o bo funcionamento da educación, que traballa conxuntamente co profesorado e o equipo directivo.

A Constitución española declara no seu artigo 27 o dereito á educación de españolas e españois; pero garantir ese dereito esixe dispoñer dos recursos humanos e económicos para contribuír á consecución da eficacia na prestación dos servizos e á eficiencia na utilización dos recursos dispoñibles mediante a dimensión adecuada do persoal, a súa mellor distribución, formación, promoción profesional e mobilidade.

Este dereito non se cumpre no sector do persoal de administración e servizos educativos debido a que non se dispón dos recursos necesarios para o bo desenvolvemento do servizo público educativo dos centros escolares.

A Lei de orzamentos xerais do Estado de 2023 manifesta que os sectores prioritarios para os efectos da taxa de reposición nas Administracións públicas con competencias educativas para o desenvolvemento da Lei orgánica de educación son as relacionadas coas prazas para o acceso aos corpos de persoal funcionario docente.

No ámbito do persoal educativo laboral e funcionario, ao non ser declarado sector prioritario, non se executan as ofertas de emprego público anuais nin se substitúen as traballadoras e os traballadores en excedencia, incapacidade temporal, xubilacións, entre outras, no tempo e na forma que correspondan; o contrario do que sucede co persoal docente, a pesar de que o PAS comparte centro de traballo e realiza tarefas e funcións educativas con todo o alumnado.

Esta diferente consideración prexudica claramente o funcionamento dos centros e atenta contra os dereitos de toda a comunidade educativa. Malia as dificultades, o PAS fai o sobreesforzo e realiza as funcións necesarias para dar un servizo público educativo de calidade, acorde coas necesidades dunha escola do século XXI.

O persoal de Administración e Servizos Educativos:

  • É imprescindible e esencial nos centros escolares.
  • Desempeña unha ampla variedade de funcións en todos os niveis da educación.
  • O seu labor e funcións son fundamentais para garantir unha educación de calidade.
  • É moi importante para formar o alumnado de maneira integral, contribuíndo a asegurar a satisfacción das súas necesidades académicas, socioemocionais e as boas prácticas.
  • Fomenta espazos de aprendizaxe positivos e seguros.

Entón, o PAS é fundamental, prioritario, imprescindible, necesario e esencial. Sen o seu labor, os centros educativos non poderían funcionar e o servizo público educativo non se desenvolvería coa eficacia e eficiencia que necesita.

Díptico informativo

Documento para recollida de sinaturas