Reunión da Mesa Negociadora do XXIV Convenio Colectivo Nacional de Autoescolas

O 25 de novembro, celebrouse a que deberá ser a derradeira reunión da Mesa Negociadora do novo convenio colectivo.

Rematouse de perfilar os últimos acordos que deberán propiciar a toma de decisión definitiva de todas as organizacións integrantes da Mesa sobre o asinamento do XXIV Convenio de Autoescolas.

Os acordos alcanzados son os seguintes:

Ámbito temporal: anos 2024, 2025 e 2026.

Táboas salariais

  • A suba total acordada é do 11,9 %, repartida durante todo o período de vixencia do Convenio.
  • Dado que se debe cumprir o acordado anteriormente no XXIII Convenio Colectivo para o cumprimento do SMI (e do 10 % adicional para o persoal docente), o incremento que se debe aplicar no ano 2024 ha ser do 5 %. Polo tanto, a maior porcentaxe de suba aplicarase ao primeiro ano de vixencia (2024). Isto fai que o importe das cantidades que han percibir as persoas traballadoras para recuperaren a retroactividade sexa superior. Así mesmo, tamén supón que os incrementos dos seguintes anos se aplicarán sobre o incremento máis grande de 2024.
  • Pola mesma razón, o incremento acordado para 2025 é do 4,41 %.
  • Como consecuencia do anterior, o incremento para 2026 será do 2,49 %.
  • Os incrementos aplicaranse, en todos os casos, sobre o salario base. Todas as organizacións sindicais presentes rexeitamos tallantemente a pretensión da patronal de que se considerase incluído o plus de transporte no cálculo do SMI, pois non consideramos que isto sexa legalmente posible.

Resto de acordos

  • Procédese á adaptación legal dos capítulos de permisos e contratación.
  • Inclúese un novo protocolo contra a discriminación e o acoso por razón de orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero, características sexuais e diversidade familiar.
  • Inclúese, así mesmo, un protocolo de actuación fronte a catástrofes e outros fenómenos meteorolóxicos adversos.
  • Os días 24 e 31 de decembro, considerados no artigo 12 do actual convenio como vacacións retribuídas, en caso de caeren en domingo trasladaranse ao día anterior ou posterior laborable para o/a traballador/a.
  • Cámbianse os dous días laborais adicionais ao mes de vacacións por 18 horas. Estas horas poderían gozarse en bloques de tres horas.
  • Establécese un novo suposto de excedencia voluntaria con reserva do posto de traballo, dun ano de duración, para dedicarse á mellora da formación ou ao perfeccionamento profesional da persoa traballadora. Para poder acceder a ela é necesaria unha antigüidade mínima de tres anos. Esta excedencia non se poderá utilizar para traballar noutra escola da competencia.
  • Acórdase modificar o artigo 34, relativo ao ensino gratuíto, e establécese que o/a traballador/a cónxuxe e fillos/as que convivan co persoal das autoescolas e teñan unha antigüidade mínima na empresa dun ano terán dereito ao ensino nas fases teóricas e a matrícula para a obtención do permiso da categoría B. Nas clases prácticas aplicarase unha redución do 40 % do custo da formación. Para o resto de permisos diferentes ao B, a persoa traballadora deberá ter unha antigüidade mínima de dous anos na empresa e esta poderá esixir a devolución do 40 % subvencionado no caso de que a persoa traballadora se vaia da empresa dentro do período de tres anos posteriores á formación recibida.
  • Como único elemento que aínda queda pendente, deberase decidir sobre a modificación da actual redacción do artigo 38, relativo á incapacidade temporal, para que este sexa máis claro e non permita interpretacións erróneas, como sucede coa redacción actual.

Finalmente, a reunión concluíu co compromiso de traballar sobre a redacción definitiva do convenio, que deberá estar concluída antes do día previsto para o posible asinamento, o próximo 18 de decembro.