Retribucións en centros asistenciais e centros especiais de emprego

XVI Convenio colectivo de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade

A irrelevancia sindical de FSIE e USO na negociación do XVI Convenio Colectivo, na que non estiveron presentes por falta de representatividade no sector, lévaos a verter todo tipo de falsidades e medias verdades á hora de cuantificar os incrementos retributivos asinados por CCOO.

Hai que lembrar que estas organizacións se nutren das informacións que lanzamos os sindicatos que si negociamos o convenio para, posteriormente, terxiversalas. Non entenden a dinámica da negociación das táboas salariais e por iso lanzan mensaxes contraditorias no seu desesperado intento de desacreditar uns incrementos que xa quixeran poder trasladar, por exemplo, nos sectores do ensino concertado nos que son maioritarios.

Por unha banda, cualifican as subas salariais de insuficientes e, por outra, amosan preocupación polo grande impacto que terán nos custos laborais das entidades do sector, exactamente o mesmo argumento das patronais na negociación. E fano sen disimulo ningún nin vergonza. Dito doutro xeito, vénselles unha vez máis as intencións ao asumiren e defenderen con ansia a posición patronal, coa esperanza de que se lles recompense a súa compracencia.

Pero a realidade pon a cadaquén no seu sitio. Abonda con responder a unha pregunta ben sinxela:

Canto se incrementan as retribucións en 2025 con respecto a 2024?

  • Un 10 % se se segue mantendo a mesma antigüidade que en 2024.
  • Un 20,12 % para quen pase a percibir o N1 durante 2025.
  • Un 17,25 % para quen pase a percibir o N2 durante 2025.

Sabías que eses sindicatos asinaron para 2023 unhas retribucións no ensino concertado nas que dez categorías profesionais teñen un salario base por debaixo do SMI dese ano e que aínda non asinaron as táboas de 2024? Móstranse moi críticos onde non teñen representatividade, pero alí onde son maioritarios préganse unha e outra vez aos intereses patronais.

Este novo convenio supón un claro avance en materia salarial das persoas traballadoras. Por tanto, desde CCOO só podemos valorar como positivo o acordo alcanzado, tendo moi en conta que non se incorporaron renuncias de ningún tipo e que se lles garante a estabilidade salarial ás persoas traballadoras do sector.

Ademais, conseguiuse incorporar unha das principais reivindicacións que a nosa afiliación demandaba: un novo nivel retributivo N3 que, coma os anteriores, irá revalorizándose cada ano a medida que se incremente o salario base.