Sabes que é o que realmente están obrigadas a cumprir?
As obrigas legais das empresas non son unha opción: son unha garantía para a protección dos dereitos laborais e a igualdade no ámbito do traballo. Moitas veces descoñecidas polo persoal e mesmo ignoradas polas empresas, estas medidas afectan tanto a saúde laboral como a conciliación, a igualdade, a non discriminación e a organización do tempo de traballo. A seguir, recollémolas de forma clara para que coñezas cales son os teus dereitos… e tamén as responsabilidades da túa empresa.
1. Comité de seguridade e saúde (Lei 31/1995)
Nos centros de traballo con máis de 50 traballadores/as nos que exista comité de empresa, debe constituírse obrigatoriamente un comité de seguridade e saúde, órgano que se encarga da protección da saúde dos traballadores e traballadoras. Está formado por delegados/as de prevención que representan o persoal e mais por representantes da empresa.
2. Protocolo de acoso laboral (LO 3/2007)
Todas as empresas, independentemente do seu tamaño, teñen a obriga de elaborar, implantar e difundir un protocolo de actuación fronte ao acoso laboral, sexual e por razón de sexo.
3. Plan de igualdade (RDL 6/2019)
As empresas de máis de cincuenta traballadores/as teñen a obriga de elaborar e aplicar un plan de igualdade, que debe incluír unha auditoría salarial que avalíe cada posto de traballo.
O incumprimento desta obriga, xa sexa por non ter o plan ou por non o aplicar, constitúe unha falta grave ou moi grave, que pode ser sancionada pola Inspección de Traballo con multas de ata 187 000 euros.
4. Plan LGTBIQA+ (RD 1026/2024)
As empresas con máis de cincuenta traballadores/as teñen a obriga de elaborar un plan LGTBIQA+ que inclúa medidas específicas destinadas a garantir a igualdade efectiva e a non discriminación das persoas LGTBIQA+ no ámbito laboral.
5. Protocolo de desconexión dixital (art. 88 LO 3/2018)
Todas as empresas teñen a obriga de contar cun procedemento interno que garanta o dereito á desconexión dixital do persoal, co obxectivo de preservar o tempo de descanso unha vez rematada a xornada laboral.
6. Rexistro da xornada laboral (RDL 8/2019)
Desde 2019, todas as empresas teñen a obriga de implementar unha política interna de rexistro horario; este ha detallar o procedemento que se segue para o control da xornada diaria e das horas extraordinarias, así como a especificación da xornada laboral e das súas interrupcións. Os rexistros deben conservarse durante un período mínimo de catro anos.
7. Rexistro retributivo anual (RDL 6/2019)
Todas as empresas, independentemente do seu tamaño, teñen a obriga de elaborar un rexistro anual cos valores medios dos salarios, complementos salariais e percepcións extrasalariais do seu persoal. Este rexistro debe estar desagregado por sexos e distribuído por grupos ou categorías profesionais, así como por postos de traballo iguais ou de igual valor. As persoas traballadoras teñen dereito a acceder a este rexistro.
8. Protocolo de medios informáticos (art. 87 LO 3/2018)
O protocolo de medios informáticos regula o uso dos dispositivos informáticos e móbiles que a empresa proporciona ao seu persoal. Establece tamén os criterios e o procedemento para a súa monitorización.
